Patria Mercedes Mirabal, Minerva Argentina Mirabal e Antonia María Teresa Mirabal eran unhas mulleres dominicanas nadas nun lugar chamado Ojo de Agua que pertencían a unha familia que perdeu case toda a súa fortuna cando o ditador Trujillo chegou ao poder. As irmás opuxéronse á ditadura de Leónidas Trujillo e formaron un grupo de oposición ao réxime, coñecido como a Agrupación política 14 de xuño.

Dentro deste grupo eran coñecidas como “Las mariposas”.

Foron encarceradas e torturadas en varias ocasións e aínda así continuaron coa súa loita. Trujillo decidiu asasinalas e o 25 de novembro de 1960 enviou un comando militar para que as interceptase cando volvían de visitar aos seus maridos na cadea. As irmás, indefensas foron levadas a unhas plantacións de cana e alí apuñaláronas e estranguláronas. Unha vez mortas, subíronas de novo no vehículo e lanzáronas a un barranco para simular un accidente.

No Primeiro Encontro Feminista Latinoamericano, celebrado en Bogotá (Colombia) en 1981, a Delegación Dominicana propuxo a elección do 25 de novembro como data internacional da loita contra a violencia cara ás mulleres para lles render homenaxe ás irmás Mirabal como exemplo de mulleres comprometidas coas loitas do pobo.

En 1995, a escritora Julia Álvarez, publicou a novela En el Tiempo de las Mariposas, unha obra que conta a vida das irmás Mirabal. O texto foi levado ao cine no ano 2001 nun filme dirixido polo director español Mariano Barroso.
O 17 de decembro de 1999, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, en conmemoración do sacrificio das irmás Mirabal.

____________________________

ACTIVIDADE 10: Vai á páxina web da ONU e infórmate sobre as seguintes cuestións:

– Que é a ONU?

– Cales son os obxectivos de Desenvolvemento do Milenio para 2015?

– Cal é o obxectivo número 3?

ACTIVIDADE 11: Divididos en 4 grupos buscade en Internet os outros días internacionais declarados pola ONU ao longo do ano de xeito que cada grupo se ocupe de tres meses do ano. Despois engadídelle á listaxe os días importantes en Galicia. Para rematar, cada grupo debe realizar un calendario trimestral no que aparezan todas as datas importantes e colocaranse os catro calendarios nunha parede da aula para que todos saibamos que datas debemos conmemorar.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA