3.5.1. Elixes soidade ou compaña

Por fin!
Agora si que tes que decidir se queres facer o cartel individualmente, con outra persoa, ou con outras dúas persoas, lembra que non poderedes ser máis de tres persoas no equipo.

3.5.2. Elixes o tema

Se tiveses que facer un cartel de libre elección este sería o momento en que terías que decidir cal vai ser o tema. Mais no teu caso só podes escoller entre dous temas:

– A violencia de xénero.
– O 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

3.5.3. Elixes o público

Esta fase é moi importante xa que a escolla dos destinatarios e destinatarias do cartel condiciona todo o teu traballo posterior.

Non é o mesmo que te dirixas a toda a poboación,


a todas as mulleres,


só ás mulleres vítimas da violencia de xénero,


ou aos agresores.


Segundo escollas un público ou outro a túa mensaxe ten que ser completamente diferente.

3.5.4. Elixes o tamaño

Neste caso o tamaño do cartel vai ser o dunha cartolina.

* Se quixesedes facer outro tipo de actividade o tamaño da creación pode ser moito máis grande. Mira estes exemplos de creacións realizadas contra a violencia de xénero.

3.5.5. Delimitas o tema

O tema da violencia de xénero é moi amplo, deberás decidir se o vas tratar en abstracto, dunha forma xeral, ou se te vas centrar nalgunha das formas de violencia de xénero, ou nalgún aspecto concreto do problema.

3.5.6. Seleccionas a idea máis impactante

Agora tes que elixir a idea máis impactante dentro do tema que delimitaches. A escolla é importante xa que ao redor desa idea vai xirar toda a creación do cartel.
Esta selección tamén é moi importante porque nela reside parte da orixinalidade da túa creación, en ser quen de lle dar ao tema unha visión singular.

3.5.7. Elaboras os esbozos

Agora debes elaborar varios esbozos do teu cartel a lapis en folios en branco. Deberás imaxinar que os folios son a túa cartolina, coloca os diversos elementos que vaian aparecer nel en diferentes posicións, varía os textos, etc.
Unha vez que teñas decidido cal dos esbozos vai ser o definitivo sinala nel as cores (cor da cartolina que vai servir de base, cores dos resto de elementos) e elementos que van aparecer (por exemplo, se dicides facer un cartel coa técnica da colaxe, que tipo de elementos necesitas para cada parte).

3.5.8. Elixes materiais

Esta é a fase na que decides o tipo de materiais que vas empregar. É conveniente que fagas unha listaxe con todo o que necesitas e lla entregues á persoa que coordina a actividade.
Procura sinalar ben todo, tanto os materiais coas súas características (por exemplo a cor da cartolina, as cores de rotuladores, ceras, etc.) como as cantidades de cada cousa.
Non esquezas repasar a lista antes de entregala.

3.5.9. Asinas e entregas

Por último escribe na parte de atrás da cartolina o nome, apelidos e curso das persoas que participaron na súa realización.

Para participar no concurso non podedes incluír no cartel ningún elemento que permita que os demais identifiquen os autores e as autoras.

E xa tes o teu cartel listo para entregar, agora a persoa encargada de coordinar a actividade poñeralle unha etiqueta cun número na parte dianteira para a súa identificación na votación para elixir os mellores carteis.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA