Este blog que agora tes diante tivo a súa prehistoria nas aulas do IES Número 1 de Ribeira en novembro de 2006. Co gallo do 25 de novembro o colectivo Irmás Mirabal, formado por profesorado do centro que levaba anos traballando no tema, decidiu que sería unha actividade interesante organizar unha exposición de carteis sobre violencia de xénero elaborados polas alumnas e alumnas. O deseño da actividade levoume a dúas procuras interesantes, dunha banda a de información sobre a violencia de xénero e doutra a de material sobre cartelismo. Quixo a sorte que Concha, xefa do seminario de historia, tivese no seu poder un volume editado polo Concello de Santiago de Compostela que recollía o material dun concurso de carteis coa mesma temática levado a cabo nese concello. Levouse a cabo a actividade no instituto e os apuntamentos e as fotografías quedaron arquivados nun recuncho do ordenador. Medio ano máis tarde, Mercedes, a miña comadre traballadora inesgotable, animoume a que ese traballo non morrese aí e o reciclase dalgún xeito xa que por aquela altura non existía en galego ningún material deste tipo. Eu xa levaba tempo con ganas de elaborar algún material didáctico deste tipo e púxenme ao labor. Este é o froito.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*