En moitas ocasións utilizamos o maltrato como sinónimo de violencia de xénero, pero en realidade o maltrato é só unha das formas en que se produce a violencia contra as mulleres.
O Consello de Europa definiu 5 tipos de violencia de xénero e as súas manifestacións.

Violencia física: As agresións producen na vítima dano corporal, ou lesións de diversa intensidade que acotío non son visibles. Algunhas destas condutas son: empuxóns, abalóns, tiróns do pelo, labazadas, golpes, patadas, queimaduras, mordedelas, estrangulamentos, puñaladas, mutilación xenital, tortura e asasinato.


Violencia económica
: consiste na desigualdade no acceso aos recursos compartidos, por exemplo, negar e/ou controlar o aceso aos cartos, impedir o aceso a un posto de traballo ou á educación, tamén está incluída aquí negarlle o dereito á propiedade de obxectos e bens.

Violencia sexual: É calquera actividade sexual non consentida -chistes e bromas sexuais, miradas fixas irascibles, comentarios desagradables, exhibicionismo, chamadas telefónicas ofensivas, propostas sexuais indesexadas, visionado ou participación forzada en pornografía, tocamentos indesexados, relación sexual obrigada, violación, incesto. Todo isto está dirixido á execución de actos sexuais que a muller considera dolorosos ou humillantes. Forman parte deste tipo de violencia o embarazo forzado e mais o tráfico e explotación na industria do sexo.


Violencia espiritual
: consiste en erosionar ou destruír as crenzas culturais e/ou relixiosas dunha muller a través do ridículo e o castigo, ou obrigar a alguén a que acepte un sistema de crenzas determinado.

Violencia psicolóxica: Consiste en causarlle dor e sufrimento emocional á muller mediante accións que a controlan ou lle producen desvalorización. Abrangue chistes, bromas, comentarios, ameazas, illamento, desprezo, intimidación e insultos en público ou en privado. Presenta unha variante social cando se instiga a muller ao autoillamento ou se dificultan as súas relacións con persoas alleas ao seu núcleo familiar; a través de condutas que a intimiden, ridiculicen e controlen as súas relacións sociais: coa súa familia, as súas amizades ou outras persoas diferentes do agresor.


Agora realiza as actividades 6, 7 e 8.
____________________________

ACTIVIDADE 6: Escribe no folio o nome dos cinco tipos de violencia de xénero.

ACTIVIDADE 7: En parellas describide cinco situacións concretas de violencia contra a muller nas que se exemplifiquen os cinco tipos de violencia de xénero.

ACTIVIDADE 8: Observa a túa redonda, describe exemplos de violencia de xénero que observases algunha vez en alguén próximo ou en ti mesma.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*