A maioría de casos de violencia contra as mulleres prodúcese dentro da parella. É por isto que debemos ter en conta que a violencia non xorde de súpeto na relación dunha parella, senón que vai aparecendo de forma progresiva describindo o que se denomina “ciclo da violencia”, que é un comportamento que se repite unha e outra vez.

As agresións constan dun ciclo de tres fases: tensión, agresión e reconciliación.

Fase de tensión: caracterízase por unha escalada gradual de tensión na relación, que se manifesta en insultos, abuso físico… O agresor expresa hostilidade e a muller intenta calmar a situación pensando que ela pode controlar a situación de agresión.

Fase de agresión: a tensión comezada na fase anterior, aumenta ata que se producen, os primeiros comportamentos violentos na forma de abusos físicos, psíquicos, sexuais… O agresor expresa a súa hostilidade de modo explosivo. Moitas mulleres non buscan axuda externa denunciando a agresión ata chegar a esta fase.

Fase de conciliación ou lúa de mel: o maltratador amósase arrepentido, pídelle perdón á súa compañeira fomentando nela a esperanza e o desexo de que todo poida chegar a cambiar. Neste momento a muller fíxase nos aspectos positivos da súa parella e só quere esquecer o sucedido. É por esta altura que a muller intenta modificar condutas que ela cre que puideron conducir á agresión para que non se volva a producir, mais está enganada porque que a agresión se repita non depende do seu comportamento. A existencia desta fase é o que explica que moitas mulleres decidan retirar as denuncias presentadas na fase de agresión.

Cando se produce por primeira vez o ciclo da violencia a muller tende a pensar que se tratou dun feito illado que non se vai repetir, pero está nun erro. O ciclo da violencia ao principio dura moito tempo, pero cada vez se vai ir repetindo con máis frecuencia ata que chega un momento en que en vez de existir tres fases o ciclo se reduce só á fase de agresión.

É moi importante que coñezamos o funcionamento do ciclo da violencia xa que só deste xeito poderemos detectar cando entramos a formar parte del e poderemos tomar medidas para saír desa situación.


Para que as recoñezas cando as vexas, velaquí tes as 13 accións principais que constitúen violencia de xénero dentro da parella:

1. O agresor impídelle á muller ver a familia ou ter relacións con amigos e/ou veciños.
2. O agresor quítalle á muller os cartos que gaña ou non lle dá o suficiente que precisa para manterse.
3. O agresor insulta a muller e/ou ameázaa.
4. O agresor dille á muller as cousas que pode ou non pode facer.
5. O agresor insiste en ter relacións sexuais aínda que saiba que a muller non quere.
6. O agresor non ten en conta as necesidades da muller.
7. O agresor mételle medo á muller.
8. O agresor cando se enfada empurra a muller e/ou golpéaa.
9. O agresor dille á muller que onde vai ir sen el.
10. O agresor dille á muller que todas as cousas que fai están mal, que é torpe.
11. O agresor ironiza ou non valora as crenzas da muller.
12. O agresor non valora o traballo que realiza a muller.
13. O agresor diante dos fillos e fillas di cousas que a fan quedar á muller en mal lugar.

Agora realizade a actividade 9.
____________________________

ACTIVIDADE 9: Dividide o encerado en dúas metades. Agora poñédevos no lugar dunha muller maltratada e ide escribindo na parte dereita do encerado cinco motivos que se vos ocorren para retirar unha denuncia por unha agresión da vosa parella. Agora poñédevos no lugar dunha amiga ou dun amigo desa muller e ide escribindo na parte esquerda do encerado cinco motivos que se vos ocorren para non retirar a denuncia. Logo contrastade a diferente percepción da realidade que hai entre uns pensamentos e outros.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*