[Maruja Mallo: Espido surrealista, 1927.]


As vangardas galegas practicamente morreron coa chegada da ditadura de Franco, mais nos anos 80 do século XX, concretamente a partir de 1976 comezan a aparecer propostas poéticas que mesturan a radicalidade ideolóxica coa práctica vangardista.

Entre estes primeiros tanteos salienta o Grupo de Comunicación Poética Rompente, integrado inicialmente por Alfonso Pexegueiro, Antón Reixa, Alberto Avendaño, Manuel Romón e Camilo Valdeorras. Xuntos van publicar o volume colectivo Silabario da turbina (1978), un texto provocador e rupturista onde se reivindican a vangarda e a contracultura. Reivindican a figura de Manuel Antonio e como forma de protesta cando lle dedican o Día das Letras Galegas do ano 1979 fan público o manifesto “Fóra as vosas sucias mans de Manuel Antonio” onde reivindican a figura deste autor ao que admiran pola súa actitude inconformista e a súa estética innovadora.

Haberá que agardar logo ata comezos da década dos 90 para asistir á aparición do colectivo poético Ronseltz que marcou un antes e un despois no panorama poético galego. Herdeiros do colectivo Rompente, son considerados fundacionais do que algúns chaman xeración dos 90 e axiña acadarán sona polos seus versos atrevidos e irreverentes nos que atúan os clásicos.

E tamén hoxe contamos con propostas vangardistas como a Corporación Semiótica Galega que fomenta o carácter lúdico da creación poética valéndose de signos diversos e de códigos propios da poesía visual.
Parece evidente que o espírito vangardista ha estar sempre aí dun ou doutro xeito, máis ou menos explícito pero o que resulta innegable é que o tratamento da lingua no discurso poético mudou para sempre cos autores das vangardas.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*