Fermín Bouza Brey é un poeta investigador da linguaxe, que pon o centro na perfección da palabra e no seu valor musical.

Nao senlleira é o libro emblemático da súa poesía e o iniciador do neotrobadorismo. Componse de 20 poemas onde se pode ver o primeiro como unha declaración de principios ou intencións. Libro de temática variada vai estar estructurado en base a procedementos formais. Estas temáticas son: neotrobadorismo, temática mariñeira, cantigas cívicas de afirmación nacionalista e tres elexías.

Nos poemas neotrobadoristas copia os seguintes procedementos da cantiga de amigo: conserva o enunciador lírico feminino, emprega o paralelismo como forma estrutura-do-ra do poema; o refrán; léxico dos cancioneiros e certo medievalismo onomástico.

Seitura ve a luz en 1935, unha obra continuadora en moitos aspectos da súa produción anterior.

Foron moitos os continuadores da poética que comenzou Bouza Brey: Cunqueiro, Carballo Calero, Filgueira Valverde, os irmáns Álvarez Blázquez, Díaz Jácome, Blanco Amor, etc. Mesmo nos nosos días atopamos a Luz Pozo Garza, Manuel Cuña Novás, Manuel María, Uxío Novoneyra, Bernardino Graña, Xavier Seoane. E non hai que esquecer a influencia das cantigas satíricas en Celso Emilio Ferreiro.

LELÍAS Ó TEU OLVIDO

O pumariño da noite quer froitificar estrelas
o tanxer desta cantiga é o sinal para acendelas…
-¡ai, meu amor!-
… é o sinal para acendelas.

Agárdanos na ribeira, sob o descordo do mar,
no seo dos cons, o leito de herbiñas de namorar…
-¡ai, meu amor!-
… de herbiñas de namorar.

As nove ondas do ensoño espreitan co seu engado
pra enguedellar a toleira desta noite de noivado.
-¡ai, meu amor!-
… desta noite de noivado.

Así ó fontegal da espranza, antes de que saia o día
iremos enguedellados catar a flor da auga fría…
-¡ai, meu amor!-
… catar a flor da auga fría.

¡Ó alén! que no pumariño madurecen os luceiros,
nosos dous corazóns bailan tolos nos ledos turreiros,
¡Ai, meu amor!

no labradío das ondas albea a flor do luar
lámpada para o teu leito de herbiñas de namorar…
¡Ai, meu amor!

Se algún malfado nos fere, axotaremos o mal
a bicos, ouh caramiña dun virxe caramiñal…
-¡ai, meu amor!-
dun virxe caramiñal.

Fermín Bouza Brey: Nao senlleira, 1933.

* Despois de leres o poema, sinala os procedementos que o relacionan coas cantigas de amigo medievais.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*