[Caligrama de Ronseltz representando o tráfico de droga na ría.]
O colectivo poético Ronseltz desenvolveu a súa actividade a comezos da década dos 90 en Galicia e marcou un antes e un despois no panorama poético galego.

Herdeiro da estética (e mais da ética) do colectivo Rompente, son considerados fundacionais do que algúns chaman xeración dos 90. Idolatrados, reivindicados coma os rebeldes da nosa poesía, son, no entanto, pouco coñecidos como grupo.

Os seus integrantes eran un grupo de mozos universitarios na Universidade da Coruña: Xabier Cordal, Serxio Iglesias, Manuel Cortés, Xoán Carlos Rodríguez e Miguel Montes (Miki Nervio).

O seu nome nace dun xogo de palabras formado polo cóctel de ron con sifón, e ademais facía referencia directa a “Ronsel”, a histórica revista poética da vangarda galega dos anos vinte, homónima para máis dunha colección lírica que daquela editaba Galaxia.

Caracterizáronse pola ironía e a desacralización dos clásicos, aos que leron sen prexuízos, algo que ás veces resultaba ferinte ou provocador. Foi un xeito de baixar a poesía dos altares. A parodia dos xéneros e dos autores máis consagrados eran unha constante, e o humor e a irreverencia armas fundamentais.

Publicaron tres revistas con manifestos, realizaron uns cincuenta ou sesenta recitais e, logo, cando toda esa dinámica rematara publicaro un volume colectivo: Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados (1994) que na actualidade está descatalogado.

Deseguido ofrécense uns exemplos da obra deste grupo poético onde parodian o neotrobadorismo, ridiculizan a linguaxe ou ironizan coa figura de Uxío Novoneyra.

Neotrovadorismo (I)

Os espárragos son diuréticos
E ti es o amor da miña vida
E ti es o amor da miña vida

Neotrovadorismo (II)
(cantiga de amigo, escarnio e maldizer)

Antes eras un colega
pero agora
me cago en tu puta madre
me cago en tu puta madre

Neotrovadorismo (IV)

Ondas do mar de Vigo
se vistes meu amigo:
que marchei.

_________

Todo na miña terra é paisaxe
menos traxe, paxe e garaxe.

_________

Uxío
ímosche facer a parcelaria
e vaste cagar en Dios.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*