Manifesto dadaísta (fragmento)

Noxo dadaísta

Toda forma de noxo susceptible de se converter en negación da familia é Dada; a protesta a puñadas de todo o ser entregado a unha acción destrutiva é Dada; o coñecemento de todos os medios ata hoxe rexeitados polo pudor sexual, polo compromiso demasiado cómodo e pola cortesía é Dada; a abolición da lóxica, a danza dos impotentes da creación é Dada; a abolición de toda xerarquía e de toda ecuación social de valores establecida entre os servos que se achan entre nós os servos é Dada; todo obxecto, todos os obxectos, os sentimentos e as escuridades, as aparicións e o choque preciso das liñas paralelas son medios de loita Dada; abolición da memoria: Dada; abolición do futuro: Dada; confianza indiscutible en todo deus produto inmediato da espontaneidade: Dada; salto elegante e sen prexuízos dunha harmonía a outra esfera; traxectoria dunha palabra lanzada como un disco, berro sonoro; respecto de todas as individualidades na momentánea tolemia de cada un dos seus sentimentos, serios ou medorentos, tímidos ou ardentes, vigorosos, decididos, entusiastas; desposuír a propia igrexa de todo accesorio inútil e pesado; chuspir como unha fervenza luminosa o pensamento descortés ou amoroso, ou ben, compracéndose niso, mimalo coa mesma identidade, o que é o mesmo, nunha matogueira pura de insectos para un nobre sangue, dourada polos corpos dos arcanxos e pola súa alma. Liberdade: DADA, DADA, DADA, ouveo de cores encrespadas, encontro de todos os contrarios e de todas as contradicións, de todo motivo grotesco, de toda incoherencia: A VIDA.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA