[Fotografía dunha sala dunha exposición sobre Man Ray do museo da Fundación Caixa Galicia na Coruña.]
En xeral, ao longo do ano, as grandes fundacións e museos galegos adoitan ter algún tipo de exposición relacionada coa arte vangardista ou coas súas repercusións. Recomendamos que, a poder ser en coordinación co departamento de Historia, se leve a cabo unha saída extraescolar para que o alumnado poida coñecer de primeira man a obra destas autoras e autores e a súa significación posterior.
* Pódese atopar toda a información de enderezos e horarios na páxina do MUGA (Sistema galego de museos).
* Se o centro se sitúa na órbita da cidade de Vigo é moi recomendable a visita ás seis salas que o Museo Quiñones de León ten dedicadas aos Renovadores, alí o alumnado poderá coñecer e analizar obras de vangardistas galegos (Manuel Colmeiro, Urbano Lugrís, Arturo Souto Feijoo, Maside, Laxeiro e Granell). De todos os xeitos é conveniente comprobar antes a localización das obras pois o concello anunciou recentemente un traslado das obras a outra edificación da cidade. Neste caso tamén se pode visitar o VERBUM (Casa das Palabras) para explorar as diferentes posibilidades da linguaxe.

* Se o centro se sitúa na órbita da cidade da Coruña recoméndase a visita ao Museo Carlos Maside no concello próximo de Sada. Alí poderán observar obras de Castelao, Maside, Laxeiro, Arturo Souto e Maruja Mallo entre moitos outros artistas galegos de todos os tempos ata os nosos días.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA