ULTRA

Nós os ultraístas -nesta época de mercachifles que exhiben corazóns disecados e plasman o rostro en entroidos de carantoñas- queremos desanquilosar a arte. Lícito e envexable como calquera outro pracer é o que motivan as palabras eficazmente trabadas, mais cómpre convir no absurdo de honrar os que o venden, traficando con fracas insulseces e trampas antiquísimas. A nosa arte require […] descubrirlle facetas insospeitadas ao mundo. Sintetizamos a poesía no seu elemento primordial: a metáfora, á que lle concedemos unha máxima independencia, alén dos xoguiños daqueles que comparan entre si cousas de forma semellante, equiparando un circo á lúa. Cada verso dos nosos poemas posúe unha vida individual e representa unha visión inédita. O Ultraísmo pronpende deste xeito á formación dunha mitoloxía emocional e variable. Os seus versos que exclúen o exceso de palabras baleiras de contido e as vitorias baratas conseguidas mediante o malgasto de palabras exóticas, teñen a contextura decisiva dos marconigramas. Retrouso …Lanzamos PRISMA para democratizar esas normas. Adornamos de poemas as rúas, iluminamos con lámpadas verbais o noso camiño, cinguimos os vosos muros con rubideiras de versos: Que eles izados coma berros, vivan a momentánea eternidade de todas as cousas, e sexa comparable a súa beleza dadivosa, e transitoria, á dun xardín vislumbrado á música desparramada por unha aberta xanela e que colma toda a paisaxe.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*