Todos os contos a excepción de Dona Xohana e don Guindo narran un suceso de forma lineal a través dun narrador heterodiexético en terceira persoa. Este narrador omnisciente sae á luz nos contos con diferentes funcións:
Para darnos a súa valoración de personaxes e accións: “A señora, sen unha fala, axiña coma cómpre, ispe o outro peito e os dous nenos beben tranquilos, ditosos, do mesmo leite”.
Para valorar a importancia, ou non, da información: “O demais da historia non ten importancia. Quedémonos co choutar decisivo do mozo e da Balbina”.
Para darnos novas dos sentimentos dos personaxes que, en ocasións, os mesmos protagonistas ignoran: “…o enorme suspirar da cubaxe baleira enche a bodega do sentimento dunha fatalidade”.
Fronte ao narrador omnisciente maioritario Dona Xohana e don Guindo ofrécenos un narrador protagonista en primeira persoa que permite unha maior fondura psicolóxica: “Estas palabras do meu pai, […] déronme unha ledicia semellante á que gozaba nos soños”.
Aínda que a linealidade preside a maioría dos contos, temos tamén variadas mostras de alteración da orde cronolóxica do discurso narrativo:
O fidalgo
comeza in media res para continuar cunha ruptura narrativa que precede á analepse que constitúe o resto da historia. Na ruptura narrativa, o narrador non só nos dá conta da súa condición de intermediario entre as fontes fidedignas da historia e nós, os lectores, senón que a súa intromisión directa no conto ten máis funcións. Dunha banda adianta os acontecementos (prolepse), “co seu finar tráxico cumprido, co finar do século XIX”, del tal xeito que provoca un maior interese por ofrecer un desenlace anticipado, ao saberse da morte tráxica do protagonista. E doutra banda, sérvelle para matizar o que el denomina “dúas notas psicolóxicas” , que non son outras que a fortaleza física e sinxeleza mental de don Xohán.
Todo o conto de Dona Xohana e don Guindo é unha analepse realizada polo narrador protagonista, xa home adulto. Neste mesmo conto hai unha analepse que fai referencia a un tempo posterior ó da historia central, “Despoixa, cando xa de home visitei os museos de Europa”.
A revolta de Casdenón
ofrece a técnica da prolepse: “Poucos se lembran hoxe, pois bolen os novos rumbos do mundo, do vinculeiro da casa de abaixo”.
O autor acode tamén á técnica da historia transmitida por terceiros noutros dous contos, en O estraperlista dos coiros e en A criada: “María Prisca era sobre todo o repertorio de todas as casas da cidade […] sen que se lle puidese achacar ningún recoveco de alcaiotería ao menos segundo os datos recollidos para a composición desta verdadeira historia”.
No que se refire ao modo da enunciación, Otero emprega o estilo indirecto para a transcrición do pensamento dos personaxes, “Moitos pensan acudir á xustiza.”; o estilo directo na narración e diálogos, “Dispensa o que che digo; non me gusta esa xente con quen andas”; e o estilo indirecto libre para integrar o pensamento dos personaxes directamente no discurso: “Non estaba mal escollido o terreo: […] Demo de escudriñante! Sería aquela a primeira casa na estrada nova. Poría un negocio. […] Non, o outro ía para arriba”.
Con todo, tamén localizamos o estilo directo empregado para a transmisión do pensamento das personaxes: “–Boh, o caso é que teño un pazo fidalgo […] en Compostela”, pensa acochándose coma un zorro”.
Para rematar co estudo das técnicas narrativas sinalaremos unha última característica construtiva, bastante frecuente, consistente na intercalación de historias dentro do texto como a do amor entre dona Xohana e don Guindo.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA