Baixo esta epígrafe recollemos todos aqueles elementos que rodean as personaxes.
Son dúas as unidades espaciais que configuran a realidade dos contos, a aldea e a cidade que na obra reciben un tratamento desigual. A aldea configúrase como o espazo autóctono e natural para o individuo fronte á cidade que é vista como un espazo alleo e agresivo para a persoa. De tal xeito que cando o home emigra á cidade non pode evitar a saudade dos espazos da aldea: “Don Xoán, asomado á fiestra, considera as luces da cidade na noite. […] ¡Quen lle volvería os abertos camiños da aldea!”.
E entre as aldeas os camiños configúranse como os vertebradores dunha globalidade chamada Galicia como observamos no seguinte parágrafo de Dona Xohana e don Guindo: “Por dous meses enteiros andivemos todos os camiños da Galicia: os que morren nas escaleiras molladas pola onda dun peirao, os que engatuñan as serras para folgar nas chairas baixo as estrelas, os que se volven rúas de arcos nas vilas, os que fan cortesía aos pazos nas carreiras de mirtos, os que chegan humildosiños ao pé dos cruceiros das abadías.”
No conxunto dos espazos, a vivenda cobra especial significación e dentro dela salientan os pazos como representantes visibles da vida fidalga e da súa riqueza. É especialmente significativa a súa presenza en O fidalgo e en Dona Xohana e don Guindo.
Se ben o autor se detén na descrición pormenorizada do conxunto da vivenda, demostra especial gusto polas estancias destinadas á fidalguía e entre elas polos salóns tan do gusto do romanticismo como o da casa brasonada dos arcos. As diferentes partes da casa tamén serven para reflectir a división social existente entre a masa labrega maioritaria e os membros das clases privilexiadas (fidalguía e clero): “Os tíos do Ribeiro tiñan mesa franca para os fidalgos, abades e priores, na sala; para os labregos, na cociña”.
Dentro da casa a cheminea aparece como un elemento de gusto decadente repetitivamente presente ao longo do libro: “Nos derradeiros do ano, a carón da cheminea, dona Rosina dá peito ao primeiro filliño”. Tamén as bodegas son do gusto do autor, desde a grande bodega no Ribeiro de O fidalgo ata a bodega do señor Venerando en Medicina legal.
Ademais dos lugares, podemos dicir que en Otero hai unha verdadeira pintura de ambientes, e así en moitas ocasións máis que describir situacións fainos partícipe da atmosfera.
E será sen dúbida ningunha en Dona Xohana e don Guindo onde o ambiente cobre protagonismo:
“O seu parolar deitaba coma unha fontela de lembranzas póndose fóra do mundo, nunha paisaxe de inocencia e de milagre […] era cousa só posible na extraordinaria
atmosfera do pazo de dona Xohana.”
Pero non só neste conto, despois de ler a obra retemos diferentes ambientes como:
-O alegre da bodega do Ribeiro de don Xohán.
-O refinado do salón etiqueteiro.

-O opresivo da oficina.
-O vital da tenda de María a Prisca.
-O endogámico da bodega do señor Venerando.
-O soidoso da terra do Dorindo da Fonte Vella.
-O viciado da cova do esfolador Froitoso.

Otero detense ademais nos obxectos, tal vez porque considera que eles son fieis transmisores da personalidade das persoas que os posúen e da súa historia, o que se reflicte en pormenorizadas descricións como a das mercadorías de María a Prisca: “un pouco comercianta de agullas, fíos, espelliños, alfineteiros, dedais, fitas, navallas, tesoiras, caixas de .xabón de olor e outros humildes artigos de luxo”.

Reloxo do salón do pazo de Trasalba.

Pero o obxecto polo que o autor manifesta especial predilección son os reloxos, instrumentos para indicar o tempo pero que sempre están presentes como se neles ese mesmo tempo non actuase. E así en Dona Xohana e don Guindo o pai regálalle ao protagonista “un fermoso reloxo de ouro barroco” cando parte para estudar en Fonseca, e na saliña pequena da casa de dona Xohana hai “un grande, reloxo, chantre das horas litúrxicas”.
Ás veces, a cousa mesma, acada a condición de axente como acontece co vaso procedente dun pazo co que se comete o asasinato en Medicina legal. É como se o vaso se revelase tamén contra o representante da destrución dos seus valores tradicionais.
Noutras ocasións os obxectos serven para indicar o desclasamento das personaxes que renegan da súa orixe, tal é o caso da filla do señor Delmiro en Medicina legal: “…foi nomeada maestra a filla do alcalde, unha señorita feita, de mantilla e reclinatorio de veludo na eirexa…”.
E as cousas fanse diminutivas e a mesa convértese en “mesiña limpiña”, a xerra en “xerriña”, o comedor en “comedorciño” e o piso en “pisiño” cando teñen de reflectir a pobreza no fogar urbano de don Xohán ata que rematan por desaparecer deixando paso ao baleiro: “No comedorciño hai un oco. Alí estaba o fermoso tallo taraceado. Agora non está”.
Noutras ocasións os obxectos mesmo serven despois da morte para rexistrar e manter vixente a estratificación social como acontece nos cemiterios: “No cemiterio, a lousa humilde de don Xohán, […] está asombrada polo monumento de mármore do prestamista”.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*