Un mozo cóntanos como, seguindo os desexos de seu pai, durante dous meses de verán realiza unha viaxe para coñecer os diferentes parentes esparexidos por toda Galicia. A finais de setembro o pai lembra que esqueceu unha visita, a da tía Xohana da Peroxa. Esta visita vai ser o cerne do conto.
A tía Xohana acolle con agarimo o visitante no seu pazo, onde “sosegado vivir mandaba na casa”, un fogar que semella estar tocado por unha atmosfera fantástica. E nese ambiente o protagonista escoita a historia da relación desta velliña con don Guindo: un amor inmorredoiro aínda que nunca consumado, e tamén historias marabillosas que lle relata a súa tía e que nunca ha esquecer.
A narración estrutúrase en tres partes nas que a primeira e a terceira serven de marco á parte central.

  1. Na primeira parte o protagonista sitúanos na historia e fainos sabedores das intencións de seu pai de que coñeza o país antes de ir estudar para Santiago.
  2. A segunda é o relato da viaxe, un percorrido que, á súa vez, podemos dividir en dúas grandes etapas entre as que se produce un descanso no que o estudante pasa un tempo na casa paterna. Na primeira etapa da viaxe visita tíos e curmáns esparexidos por toda a xeografía galega. Na segunda, á que se dedican máis páxinas, visita á súa tía Xohana da Peroxa. E é nese encontro onde intercala a historia de dona Xohana e don Guindo que lle dá título ao conto.
  3. A última parte sitúanos no presente do protagonista que lembra as experiencias vividas.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*