Neste apartado faremos referencia a aquelas personaxes das que se dá unha especial visión negativa e que non se trataron nas anteriores epígrafes. Salientan neste sentido dúas figuras, a do prestamista de O Fidalgo e o Froitoso das Chairas de O estraperlista dos coiros.

O prestamista preséntasenos como un home covarde que se agacha “coma un zorro” no interior do coche de cabalos. Del só sabemos que teme a don Xohán como se tivesen algunha conta pendente e intuímos que é o actual propietario do que fora o pazo compostelán do fidalgo.

O Froitoso das Chairas recibe un tratamento moito máis fondo na súa condición de protagonista do conto. Desde a primeira liña aparece caracterizado negativamente: “de castuaxe espiñenta polo xenio, pobre por herdanza” xa desde cativo é un lacazán e acubilla “malas e xeadas intencións”. Medra deixándose guiar pola idea de que “os homes maquiadores de cartos […] teñen de ser negociantes, acordar cedo e con estrelas cada mañá coas poutas ben listas, oufegar cada día unha maior ganancia como o golpe oufega o pescozo do galo”. Sen dúbida ningunha este é o retrato máis feroz dos homes de negocios que podemos atopar no libro. O esfolador estréase cun inocente can de palleiro e tras del virá unha longa listaxe de vítimas da súa crueldade. O efecto pernicioso deste individuo aféctalles tamén aos obxectos, de tal xeito que non ten escrúpulos á hora de roubar documentos dun mosteiro. O Froitoso non se move só pola cobiza, senón tamén polo seu sadismo, que o leva a límites insospeitados como o asasinato dunha nai e dúas fillas ou, xa de vello, a andar ofrecendo a súa propia pel ao mellor postor.
Ás veces a condena do autor non ten un obxectivo singularizado senón que este é todo un grupo como acontece en O Fidalgo cos conselleiros de don Xohán, “Ten servidores listos, algúns señoritos da vila […] trepan con autoridade denantes descoñecida”. Os causantes da ruína son señoritos da vila, de tal xeito que unha vez máis o mundo urbano se caracteriza negativamente.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*