[…] a Balbina conqueriu o doutoramento da carreira entrando a servir na casa brasonada dos arcos. Asombraba máis de media ducia de casiñas sinxelas de procuradores, empregados e pequenos propietarios na rúa estreita, laxeada de lousas usadas, só enxoitas no cerne do mes de agosto, pola que pasaban coma as figuras cronométricas dos antigos reloxos os cóengos de figura paisana encadernada en Teoloxía, e onde a risada cavernosa, sempre asustada dela mesma, do tolo veciño, atopaba un longo ecoar inquedante. Había na casa un salón belo como un minué e empoeirado polo tempo coma unha perruca Lois XV, con grande sillería cor de cereixa a madeira traballada, marelo o raso, cos sillóns postos un diante outros, como estiveron na derradeira conversa do doutoral e do fidalgo colexial de Fonseca, na hora do século dezaoito marcada polo reloxo barroco de bronce sostido en caudas retortas de sereas. Había unha librería disposta en localidades, ao xeito dos teatros antigos: os teólogos e xuristas nos palcos, Madame de Sévigné na platea, os científicos (Buffón era o máis novo) consentidos no anfiteatro e enriba, no paraíso, algúns novelistas románticos. Presidía unha tese doutoral, latina, imprentada en seda, sobre o presentimento cristián en Platón e Virxilio, e abaixo, noutro cadriño, unha carta do autor rematada nestas liñas: “Pois o doce Virxilio foi o cisne compañeiro da miña xuventude”. Os cuartos, un pouco campesíos polo vagantío, estaban na parte traseira, e daban a un xardín de roseiras de pazo, o seu correspondente alcipreste e catro araucarias piramidais faguéndose etiqueta arredor do estanque redondo, no que sempre había no fondo un delicado lixo verde de vidro veneciano. Unha sebe de mirtos pedagóxicos e vellos ocultaba a vulgaridade de catro pezas de horta e do tanque de lavar.

‘A criada’

CUESTIÓNS
1. Localiza o fragmento no conxunto do conto.

2. Polo texto desfilan diferentes tipos de personaxes.

3. Tense dito que Otero Pedrayo é un autor que se desborda e se deixa levar pola palabra. Cres que este parágrafo responde a esta idea ou pola contra denota unha planificada e coidada elaboración? Xustifica a túa resposta baseándote no texto.

4. No texto faise unha pormenorizada descrición da librería do salón da casa brasonada dos arcos, xerarquicamente estructurada como un teatro antigo segundo as lecturas.

5. Investiga segundo a súa colocación na platea, no anfiteatro, nos palcos e no paraíso a consideración dos diferentes autores.

6. Localiza os elementos señoriais do xardín da casa brasonada dos arcos.

7. A que cres que obedece o gusto do autor pola descrición pormenorizada de espazos interiores? Correspóndese este gusto con algunha corrente literaria?

8. Consideras que A criada se pode catalogar como un conto de final feliz? Xustifica a túa resposta.

9. Elabora un esquema no que recollas os diferentes tipos sociais que aparecen nas páxinas de A criada.

10. Un dos tipos representados no texto é o do colexial en Fonseca, tamén o pai de don Xohán en O fidalgo foi colexial en Fonseca e o protagonista de Dona Xohana e Don Guindo vai estudiar Teoloxía Moral nas aulas de Fonseca. Investiga a historia de Fonseca como exemplo dunha institución que marcou as aprendizaxes de moitas xeracións de galegos.

11. Investiga, acudindo a algunha biografía do autor, a relación persoal de Otero Pedrayo coas araucarias.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*