A situación económica vainos servir para clasificar a maioría das mulleres que desfilan polos contos en dous grupos de diferente tipo de comportamento. O primeiro está composto por aquelas mulleres dependentes economicamente dos homes, ben sexan estes pais, cónxuxes ou amantes (as fillas dos labregos, dona Rosina, a crioula das Antillas…). Fronte a estas, as mulleres do segundo grupo caracterízanse pola independencia económica, debida á herdanza de riquezas ou debida ó froito do propio traballo (a Bibiana, a Balbina, María a Prisca, a señora da casa brasonada dos arcos, dona Xohana…) Vai ser neste grupo onde atopemos as mulleres que máis se achegan á entidade de verdadeiras personaxes e que presentan certa riqueza psicolóxica.
A primeira fidalga da que temos noticia é Dona Rosina, a dona de don Xohán, unha muller de carácter feble deseñada segundo o prototipo de submisión da fidalga decimonónica que cumpre á perfección as dúas funcións para ela reservadas, ser dona da súa casa e boa reproductora para garantir a continuidade da caste. Como única caracterización, sabemos que na súa mocidade é “sinxeliña e fermosa, tan modestiña e composta”, catro trazos que poderiamos resumir en dous, sinxeleza e fermosura, de tal xeito que se configura como a antítese da sensualidade e da forza representada pola crioula das Antillas. Entre ela e o seu home non hai ningún tipo de paixón, nin sequera unha relación amorosa. Abandonada no pazo da beiramar, resígnase e aceita a situación. Só nunha ocasión toma a palabra e xorde no conto para manifestar timidamente a súa disconformidade coas novas compañías de don Xohan e convidalo volver á vida do pazo. Esta actitude non belixerante vai garantir a harmonía na vida familiar ata o final.
Atopamos outro exemplo da fidalguía feminina na señora da casa brasonada dos arcos. A avoa do señorito Paulos, “parca das familias ilustres”, representa a memoria dunha sociedade que se encerra en si mesma endogamicamente e desaparece. En oposición a dona Rosina, é unha muller economicamente independente que vive do patrimonio herdado. O medo ás novidades e o seu afán protector lévana a ser a carcereira dun neto que se manifesta impotente e submiso.
Tamén fidalga vella é dona Xohana, mais o que a singulariza é o seu carácter extraordinario no sentido etimolóxico da palabra. Aínda que aparece descrita polo pai do protagonista e polo seu fillo case con idénticas palabras, a súa verdadeira caracterización virá dada pola historia propia e polas cousas que conta. Son varios os elementos que contribúen á configuración deste personaxe, sen dúbida un dos máis logrados do volume. A relación de amor eterno non consumado carnalmente con don Guindo, o parolar que “deitaba como unha fontela de lembranzas póndose fóra do mundo” e o agoiro meigo da súa propia morte e da do seu amante, unidos á atmosfera irreal do conto, fan desta muller unha virxe de carácter lendario que o lector, xa atrapado para sempre pola súa maxia, dificilmente vai poder esquecer.
Outro exemplo de independencia feminina témolo na Bibiana, muller xa madura goberna un prostíbulo na cidade e garda “a mellor lei ó fidalgo”. Será ela a única que manifeste sen eufemismos a situación real de don Xohán no proceso da súa ruína nunha conversa reveladora e sincera co propio protagonista. A Bibiana representa o percorrido vital dunha moza da aldea que remata na cidade, mais a súa integración é parcial xa que se produce dentro dos ámbitos marxinais da urbe. De feito, non existe ningún caso ó longo do libro de personaxes do rural positivamente caracterizados que rematen triunfando fóra dese espacio como se Otero neste poema épico da aldea galega condenase os que abandonan o seu microcosmos ó fracaso.
Tamén emigra da aldea a vella María a Prisca de “A Criada”. Esta muller “un pouco porteira e un pouco comercianta” exerce de “sibila de tódalas serventas”. Convertida nunha especie de elo que garante a relación harmónica entre os dous estamentos, a súa funcionalidade no conto consiste en ofrecernos un retrato polo miúdo das diferentes tipoloxías de relacións entre os uns e os outros. Fronte á súa veciña a Balbina vai prosperar socialmente pero só dentro do gremio ó que pertence e sen se producir nela un cambio de clase social.
En “A criada” atopamos tamén á Balbina, única muller protagonista do libro. A Balbina tamén abandona a aldea de moza e prospera socialmente pero a diferencia da Bibiana non o fai na marxinalidade senón a través dos camiños considerados rectos pola moral da sociedade da época. Segundo eles ascende co paso do tempo os diferentes chanzos establecidos na profesión de criada ata a súa entrada na casa brasonada dos arcos. A Balbina ofrece como particularidade fronte ó resto de mulleres a súa condición nun momento puntual de modelo erótico, e será a través deste erotismo que atraia ó recatado señorito Paulos. De todas maneiras e igual que acontecía entre don Xohán e dona Rosina, tampouco vai existir neste caso un amor-paixón romántico. Será o narrador quen se deteña a explicarnos a natureza dese afecto da Balbina que case poderiamos cualificar de amor de nai: “nela […] o amor tiña o matiz case piadoso de salvar un pobre ser feito para ser acariñado […] que pola súa febleza era preciso coidar”.
Ricardo Carballo Calero e Rodrigues Lapa viron na Balbina e na súa relación co señorito Paulos a exemplificación da comuñón entre pobo e fidalguía propugnada por Otero Pedrayo.
“[…] fuxiron […] Foi ela quen o roubou para darlle a vida. […] Ás veces a Balbina tiña un remordemento. Logo, á súa maneira cavilaba: as grandes castes fidalgas teñen as súas raíces na terra e á terra han voltar para vivir. E soñaba ser ela o berce dunha nova tonalidade valente, dun sangue rexenerado que ó longo dos tempos florecía en renovos infindos ó longo das xeracións.”
Convén analizar polo miúdo algunhas cuestións nesta “comuñón”. Como o mesmo texto explicita foi ela quen o roubou, o cal non deixa de nos abraiar se consideramos que a maioría de mulleres na sociedade retratada pola obra se caracterizan pola súa pasividade e submisión á figura masculina. O concepto de roubo lévanos ó de culpabilidade que se concreta nese “remordemento” que sofre a criada e que xorde da consciencia de ser transgresora da orde establecida. Esta condición de única axente viría rachar un pouco co propio concepto de comuñón no que ten de acto compartido.
Doutra banda a Balbina nin se mantén como membro das clases populares nin tampouco é unha verdadeira fidalga senón que paira entre os dous estamentos. Como ben sinala Antón Palacio Sánchez, este conto remata cun “afidalgamento” da protagonista que “en canto se foi afaguendo ó señorío […] adquiriu […] moitas das manías da avoa de Paulos e procuraba imitala ó seu xeito”. A actitude da Balbina na vellez enténdese como producto do seguimento do modelo de comportamento de fidalga que ela coñeceu, e vai ser isto e non a súa nova situación económica o que fai que deixe de pertencer plenamente á clase popular da que procede.
A muller tamén pode ser obxecto de violencia sexual como acontece en “O Fidalgo”: “Unha rapaza boa agradecida á casa, filla de caseiros […] ela, estrañada, non concibindo o sacrilexio, nin se atreve a loitar […] pregarias […] ollos espantados da mociña”. Esta rapaza serve para amosar como o fidalgo aproveita a súa superioridade económica e social sobre ela e seus pais para violala impunemente.
No medio de todo ese universo de mulleres galegas xorde a criolla das Antillas, con este castelanismo dáse entrada a un elemento foráneo e illado ó mesmo tempo que exótico. É este o único motivo para que o narrador se deteña na crioula entre todas as amantes que o fidalgo ten ó longo da súa vida. Máis que dun personaxe teriamos que falar da crioula como dun elemento de fondo que serve ó narrador para nos dar conta do poder económico de don Xohán.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*