Para rematar co estudo das personaxes chamaremos a atención sobre a existencia de certa “equivocación ou elisión autorial” en O fidalgo en relación aos fillos de don Xohán. A situación é a seguinte, a finais de 1865 dona Rosina pasea na noite co seu primeiro fillo polo pazo da beiramar, trátase dun neno, a continuación e na mesma escena o seu home tráelle un fillo ilexítimo, outro varón. Prodúcese un salto ata a escena de 1875 onde “os rapaces pequenos enredan no xardín. A maior logo haberá que póla nun internado na capital”. Que filla maior é esta que aparece dez anos despois? Mais non rematan aquí os problemas coa descendencia de don Xohán. No ano 1885 a filla de don Xohán ten un noivo que é empregado de almacén, ata aquí poderiamos pensar que se trata da mesma filla que apareceu no ano 1875 pero “As fillas estarán cosendo e non convén estorbalas. […] As rapazas reciben un recado urxente” e no ano 1900 “as fillas berran e choran como tolas” a morte do pai. Que fillas son estas das que nada se soubo? Onde van os fillos varóns que como mínimo son dous? Se observamos o resultado decatámonos de que as fillas aumentan a sensación de impotencia dun pai vello, única presenza masculina da casa, que carece de riqueza abonda para casalas ben. Isto lévanos a pensar que non se trata dun erro do autor senón que se explica entendendo a intención profunda de Otero que non é outra que a firme vontade de reflectir o proceso de decadencia da fidalguía.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*