Si, si, e non estou tola, a min este ano tamén me tocou o Xerais, e ademais en varias ocasións, aínda que iso non o recollerán os papeis.
Un día chamoume o señor Bragado, ese que eu seguía en Brétemas e na Radio Galega, para me ofrecer formar parte do xurado do Premio Fundación Caixa Galicia.
Logo puiden coñecer a Noli e tamén poñerlle cara amable á voz de Celia coa que tiña falado nalgunha ocasión por teléfono.
Ese mesmo día tiven a oportunidade de participar nun xantar tan exquisito como divertido no castelo de Soutomaior. E alí tamén coñecín a Fran Alonso e a outras e outros que prefiro non nomear por medo a esquecer a alguén.
E chegou a hora do traballo e/ou diversión de intercambiar con Amanda (sempre certeira), Alba (experta en fantasías varias), Mónica (magnífica coincidente) e Verónica (pesquisadora inesgotable) os nosos pareceres e praceres sobre as lecturas con Noli (supersecretario respectuosísimo). E tiven o honor de formar parte dun xurado que lle outorgou o premio Fundación Caixa Galicia 2009 a unha das miñas máis admiradas escritoras, Rosa Aneiros.
Recibín agasallos xa moi queridos que hei conservar moi celosamente (en galego) todo o tempo.
E fixen dúas grandes descubertas: Ana Bande e Mónica Góñez.


Unha romaría de xente diversa iniciamos a travesía mariñeira nun barco festeiro que ofrecía músicas e risos fronte a nubeiros ameazadores.
Gustoulles a nosa proposta e, antes da cerimonia, mesmo deixaron chegar o sol ao paseo dos buxos onde atopei amigos.
E soaron as zanfonas e as voces potentes de Sobre rodas, como habería de ser unha terra na que todos soubesen cantar así?


E presenciei as Oito doas para San Simón de Agustín Fernández Paz alí preto, cada palabra saíndo da súa boca, que parecía que falaba o sentimento dun pobo enteiro.


E cando rematou el, puiden erguerme e, xunto cos demais, ofrecerlle en forma de longo aplauso o respecto, o cariño, a admiración… o agradecemento todo. Unha longa homenaxe coas bágoas da inxustiza de saber que a quen lle correspondería non llo ha de facer como ben merece.
Como ás veces as cousas na vida cadran aínda mellor que na ficción, Jacobo Fernández Serrano recibiu o seu agasallo de aniversario.
E tamén estiven alí cando Rosa Aneiros explicou a súa aposta pola adolescencia e lle dedicou o premio a Agustín Fernández Paz.


Logo escoiteina, A ver Rosita, que conto queres que che conte, o conto do rato chosco ou o conto de Cuba?… e souben que ben merece o premio quen tan fermosamente é quen de recibilio.


E chegou a hora dO Xefe, o noso Celta ascendía, o anuncio da dixitalización dos fondos, os logros acadados, mais un aquel acedo impedíalle o riso grande, non era por menos, o que tiña que dicir non era noticia festeira, foi breve, valente e claro, era necesario, a súa mensaxe tiña que traspasar aquel recinto, saír daquela illa, daquela ría e chegar lonxe, moi lonxe.
Prestaron a empanada, e o polbo, e o xamón, o queixo con marmelo e as roscas.
Puiden visitar “A ILLA”, observala, pisala e ulila en breves pero intensos momentos afastada do bulicio da festa.


E fixen unha viaxe de retorno en barco deliciosa, deixamos atrás a illa, unha lúa enorme e todas as luces da ría para nós no mar. Desexo forte de que aquela travesía tan pracenteira non rematase tan axiña, só un chisco máis, que ao mellor logo non o lembro ben todo.
Non, non estou tola, este ano a min tamén me tocou o Xerais.

5 COMENTARIOS

  1. Gracias polo teu comentario Pilar.
    Eu tamén estou por aquí, e como di Amanda, que a volta a realidade non sexa dura, que a experiencia valeu moito, moitísimo a pena. Inesquecible. E non quedarán as historias anónimas pero eu convídote a leer as miñas, que o fago o mellor que podo 😀
    Engádote a miña lista de ligazóns, unha aperta enorme, leemonos!!
    🙂

  2. Pilar, son Amanda!
    🙂
    Vou linkear o meu flickr por aquí tamén…
    http://www.flickr.com/vientodeleste
    Bueno e voute seguir por aquí que o meu benquerido Rock in Cambre ten que ser a festa do ano!
    Espero que leves ben esta volta a realidade, sen as historias anónimas das que disfrutabamos antes e sen esas ganas tremendas (alomenos confeso que pola miña parte) da chegada da reunión seguinte, desexando comentar con vós todo o que pola cabeza se me pasara.

    Un biiiico grande, Pilar e… boas festas!!!

Deixa una resposta a Ana Bande Cancelar a resposta