Mentres eu fago quilómetros déixovos para a fin de semana un texto recuperado da muller do momento, Rosa Aneiros, publicado no blog da Editorial Galaxia o 7 de abril de 2009 e que fala do optimismo que necesitamos.

_____

Optimismo

“Son optimista. Porque quero e porque me dá a gana. Porque o esforzo e as angueiras de tantas persoas que nos precederon non poden ser de balde. Porque creo que os discursos políticos enzoufan as preocupacións pero atrás diso non hai nada. Porque unha mentira mil veces repetida non constrúe unha verdade. Porque é responsabilidade compartida por todas e por todos evidenciar os datos, os feitos, os argumentos dende a autoridade que dá, non xa a razón, senón o mero sentido común. Porque non valen os silencios que claudican, a calada por resposta fronte aos ataques pero tampouco a demagoxia que nos igualaría na mediocridade argumentativa. Porque renuncio aos insultos como concesión pouco intelixente á provocación. Porque morrer tamén é reiterar ata a saciedade que morremos. Porque hai leves síntomas inequívocos de que algo se move. Por iso creo que a nosa lingua non é, como pretenden convencernos, algo inútil senón unha marabillosa ponte coa que soñar mil primaveras máis. Serao en canto sigamos crendo nela como ferramenta de comunicación e de futuro. Namentres sigamos dicindo quérote e paxaro. Repolo e bos días. O pesimismo só vale para acugular fracasos porque, quen apostaría a cabalo perdedor? Nego calquera concesión á derrota. Son optimista. Eu creo.”
Rosa Aneiros

SEN COMENTARIOS

  1. Totalmente de acordo con Rosa Aneiros e contigo.
    Estou convencido de que para nos enfrontar á realidade o mellor é o optimismo, porque o pesimismo é paralizante, quítano-las enerxías.
    Ser optimista é ser consciente de que, aínda que o camiño non sexa fácil, aínda que o esforzo sexa grande, o futuro é noso e ímolo construído día a día, entre todos. E para construír é importante crer que o que un sementa ha dar froitos.
    Por iso penso que é importante (fundamental) o optimismo.

Deixa una resposta a A profa Cancelar a resposta