“O problema da crítica é que non toda é profesional. Unha cousa é falar da xente da Universidade, como Arturo Casas ou Dolores Vilavedra ou María Xesús Nogueira, ou veteranos dos medios de comunicación, como Eyré, e outra moi distinta é falar dos que de súpeto, un día, empezan a publicar nos xornais e con catro brochadas despachan unha obra.”
Marilar Aleixandre

Concordo parcialmente co que sostén Marilar Aleixandre, iso si, faría unhas cantas puntualizacións:

Profesional, o que se di profesional, creo que no SLG non contamos con ninguén, eu polo menos non sei de ningún caso de alguén que viva da crítica literaria.

Para min a crítica literaria galega dividiríase en dous grandes grupos: a crítica especializada e os outros.

Teriamos un primeiro grupo onde, efectivamente, podemos sinalar uns cantos casos de persoas cunha formación incuestionable, a maioría delas situadas na universidade, que virían realizar o que eu denominaría “crítica especializada”, se se me permite a etiqueta para diferencialas daquelas pertencentes ao grupo seguinte. As producións destas autoras e autores distinguiríanse por tres factores:
– Polo xeral aparecen en publicacións especializadas.
– Requiren dunha extensión textual máis ampla que permite unha maior análise das obras.
– Adoitan dirixirse a un lector culto que domina, ou cando menos coñece, as claves do discurso crítico.

Fronte ao anterior, temos un segundo grupo, ao que poderiamos denominar “os outros” que abranguería o resto da produción crítica para a que podemos sinalar as seguintes características:
– Na autoría atopamos mesturadas persoas cunha formación notable con outras que practicamente carecen dela (como é o meu caso).
– Non dispoñen dunha extensión textual ampla de xeito que polo xeral se teñen que cinguir a formatos xornalísticos curtos bastante limitadores.
– Normalmente a forma de publicación é a través da prensa en artigos inseridos en suplementos culturais específicos ou directamente nas páxinas de cultura dos periódicos.
– En moitas ocasións o seu obxectivo está a medio camiño entre a difusión da obra e a súa valoración crítica.
– Adoitan dirixirse ao lector medio consumidor de xornais, unha persoa sen unha formación crítica especializada.

Persoalmente, gústanme os textos que me informan de lecturas como o fan os meus amigos, creo ademais que no público lector de xornais debe de haber unha porcentaxe importante de persoas que desexan que lles fales dos libros desoutra maneira, que queren saber que libro lles recomendas para ir á praia, cal está ben para ter unha visión diferente da guerra civil e cal para agasallar ao seu sogro que non le nada. Para min esa é a maioría do mercado e é a esas persoas a quen temos que gañar para o mercado cultural galego. Unha cousa non ten por que ser incompatible coa outra, as dúas son necesarias, ao mellor resulta que deberiamos empregar diferentes conceptos para designar producións que ás veces só teñen en común o feito de se basearen en textos escritos.

Ser novo nun labor ten as súas desvantaxes e é certo que a inexperiencia tamén pode levar a cometer a inxustiza de xulgar de xeito errado o traballo dos outros, iso é inevitable, neste sentido só nos servirá de axuda pensar que obramos de boa fe. Pero tamén hai que dicir, que nunca vin a ningunha escritora nin escritor queixarse dunha crítica que falase ben dunha obra súa aínda que non estivese ben argumentada ou fixese lecturas erradas do texto.

Como a crítica de Marilar Aleixandre non leva nome e apelidos doume por aludida en canto participo no Faro da Cultura de Faro de Vigo desde o comezo do suplemento sen ter maior formación que a miña condición de filóloga e profesora en ensino medio. Fágoo porque tamén me parece mal facer como que non se dixese nada, creo que actuar dese xeito é minusvalorar a opinión dunha autora a quen lle teño o maior dos respectos e ademais estou segura de que se fose un escritor quen tivese dito o mesmo nun medio de comunicación quizais estariamos a estas alturas vendo algunha que outra reacción.

SEN COMENTARIOS

  1. ola profa:
    parebéns polo blog!nada máis quería comentar que concordo co que dis pere creo cómpre aclarar que o contexto das declaracións de Marilar ten que ver con persoas que directamente insultan ás autoras (e poden ser perfectamente estudosos da literatura) sen ter as ferramentas básicas para analizar as obras excepto os seus propios prexuízos. esas ferramentas básicas, dá igual como se adquiran, son necesarias. iso e o feito de ser consciente da súa posición, de onde escribe cada quen.no teu caso eu véxote de todo profesional! 🙂
    pirata

Deixa una resposta a A profa Cancelar a resposta