Ante a inclusión no Anteproxecto de Lei de Economía Sustentable de modificacións lexislativas que afectan ao libre exercicio das liberdades de expresión, información e o dereito de acceso á cultura a través da internet, os xornalistas, bloggers, usuarios, profesionais e creadores da internet manifestamos a nosa firme oposición ao proxecto, e declaramos que:

1.- Os dereitos de autor non poden situarse por riba dos dereitos fundamentais dos cidadáns, como o dereito á privacidade, á seguridade, á presunción de inocencia, á tutela xudicial efectiva e á liberdade de expresión.

2.- A suspensión de dereitos fundamentais é e debe seguir a ser competencia exclusiva do poder xudicial. Nin un peche sen sentenza. Este anteproxecto, en contra do establecido no artigo 20.5 da Constitución, pon nas mans dun órgano non xudicial -un organismo dependente do ministerio de Cultura-, a potestade de lles impedir aos cidadáns españois o acceso a calquera páxina web.

3.- A nova lexislación vai crear inseguridade xurídica en todo o sector tecnolóxico español, prexudicando un dos poucos campos de desenvolvemento e futuro da nosa economía, entorpecendo a creación de empresas, introducindo atrancos á libre competencia e demorando aínda máis a súa proxección internacional.

4.- A nova lexislación proposta ameaza os novos creadores e entorpece a creación cultural. Coa internet e os sucesivos avances tecnolóxicos democratizouse extraordinariamente a creación e emisión de contidos de todo tipo, que xa non proveñen prevalentemente das industrias culturais tradicionais, senón de multitude de fontes diferentes.

5.- Os autores, como todos os traballadores, teñen dereito a vivir do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades asociadas ás súas creacións. Intentar soster con cambios lexislativos unha industria obsoleta que non sabe adaptarse a esta nova contorna non é nin xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio se basea no control das copias das obras e na internet non é posible sen vulnerar dereitos fundamentais, deberían buscar outro modelo.

6.- Consideramos que as industrias culturais necesitan para sobrevivir alternativas modernas, eficaces, cribles e alcanzables e que se adecúen aos novos usos sociais, no canto de limitacións tan desproporcionadas como ineficaces para o fin que din perseguir.

7.- Internet debe funcionar de forma libre e sen interferencias políticas auspiciadas por sectores que pretenden perpetuar obsoletos modelos de negocio e imposibilitar que o saber humano siga a ser libre.

8.- Esiximos que o Goberno garanta por lei a neutralidade da Rede en España, ante calquera presión que poida producirse, como marco para o desenvolvemento dunha economía sustentable e realista de cara ao futuro.

9.- Propoñemos unha verdadeira reforma do dereito de propiedade intelectual orientada ao seu fin: devolverlle á sociedade o coñecemento, promover o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras.

10.- En democracia as leis e as súas modificacións deben aprobarse despois do oportuno debate público e tendo consultado previamente a todas as partes implicadas. Non parece democrático que se realicen cambios lexislativos que afectan a dereitos fundamentais nunha lei non orgánica e que versa sobre outra materia. Por favor difunde este manifesto no teu blog, Twitter, en redes sociais, en foros ou imprímeo e repárteo.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*