Recollo da prensa esta carta ao director dunha avogada galega que relata como vive profesionalmente a crispación que está a provocar a actual política lingüística de confrontación do goberno galego.

_____

Recorte de liberdades

Dende hai dezaoito anos exerzo a miña profesión de avogada, e tiven a sorte de poder exercela en galego, excepto cando algún procedemento se tramitou fóra de Galiza.

Sempre tiven unha relación cordial cos compañeiros avogados, xuíces, fiscais e demais persoal dos xulgados. Nunca ata o día de hoxe me vin na obriga de falar en castelán no xulgado, mesmo cando algunha parte non era galega facía esforzos por entenderme, tamén pola miña parte tratei de actuar coa máxima educación a este respecto.

Hoxe, no transcurso dun xuízo, unha testemuña da parte contraria, un galego, vigués de nacemento e residencia, ante unha pregunta molesta, esixiume que lle falase en castelán. A xuíza preguntoume se sabía falar en castelán e pediume, con educación, se podía falalo.

Esta letrada, que ante todo tén que mirar polos intereses do seu cliente, co puñal cravado no peito e tragando unha inmensa rabia, aceptou, manifestando que o facía por respecto á súa señoría e ao propio cliente. En realidade, era só por non prexudicar ao cliente ante unha situación que, incriblemente, podía prexudicar o preito.

Finalizado o xuízo, a xuíza agradeceu a deferencia, supoño que comprendendo o grande esforzo que me supuxo e o aldraxada que me sentín.

Levo todo o día cunha comechón nos ollos, na gorxa e no peito que me anulou case calquera capacidade de resposta.

O peor é que estou segura que este galego renegado só me esixiu falar en castelán por me humillar. Podemos pensar que empregou a súa propia táctica para poñerme contra as cordas, pero non era esa a finalidade, a súa intención era someterme.

Este non é un feito illado. Recentemente, no meu despacho profesional un novo cliente, tamén galego, pediume que lle falara en castelán, por ser o meu espazo privado negueime e, por certo, non perdín o cliente, porque logo dun tempo de charla, as cousas remataron por poñerse no seu sitio.

Aínda que poida parecer raro, o idioma nunca me restou prestixio profesional, penso que incluso me beneficiou na relación cos demais, non perdín clientes por este motivo e quizais gañase algúns que se sentiron mais amparados.

Na miña relación tanto profesional como persoal, sempre respectei os dereitos dos demais, e considero que o emprego da lingua forma parte do ámbito dos dereitos e liberdades de cada un. A diferencia é que neste momento se creou unha psicose contra o galego na que calquera se pode sentir intimidado porque llo falen. Non importa que a intimidada sexa eu e, polo tanto, que teña que falar en castelán; igual que nunca pedín que mo falaran, tampouco mo pediron.

Tantos anos despois do franquismo volvemos atoparnos ante unha caza de bruxas, e se isto continúa polo camiño que vai creo que imos asistir a unha loita fratricida da que non coñecemos as consecuencias. O que si aseguro é que non somos os galegos falantes os que encirramos a ninguén.

En Vigo a 10 de febreiro de 2010

Mercedes Carreira Varela

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*