Aquí vos deixo o artigo escrito para o suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo e publicado o 22 de abril de 2010. Nel falo sobre a novela A paixón de Alexandra de Xulio Ricardo Trigo publicada por Xerais.
En Xulio Ricardo Trigo temos a un autor catalán de orixe galega. Creador polifacético, desenvolve o seu labor como escritor, tradutor e artista plástico en Cataluña desde 1965. Non se trata dun escritor especificamente xuvenil senón que este tipo de obras conviven dentro da súa produción coa “narrativa de adultos”. Pero a súa relación coa literatura é máis ampla e nela inclúense dende o xornalismo cultural ata a docencia de escritura creativa. Desde 2004, publica o blog El violinista celest sobre temas literarios, artísticos e cinematográficos como forma de ter contacto directo cos seus lectores e de poñer en orde as súas cousas.



Xerais, na súa colección Fóra de xogo, tráenos a última novela xuvenil de Trigo, A paixón de Alexandra, unha historia de amor aos libros e á literatura, de amizade e de aventura ambientada en Barcelona. Estes temas mestúranse na novela co da integración dos inmigrantes, a amizade, a música ou o alcoholismo. Outra obra súa que tamén podemos ler en galego é A desaparición de Evelyn (Galaxia, 2001).

O libro é a historia da amizade que nace entre Alexandra e a súa nova amiga Eva, que lle descubrirá o apaixonante mundo do bookcrossing, de como ese cruzamento de libros casual se pode converter nunha aventura paixonal.
Alexandra, a protagonista, é unha amante lectora de Haruki Murakami (o reservado escritor que os alumnos do Premio San Clemente conseguiron traer a Galicia en 2009), pero na súa afección lectora crúzase a obra da escritora arxentina Alejandra Pizarnik que desata nela unha auténtica paixón lectora. Nos poemas de Pizarnik, presentes na novela, a protagonista atopa o seu alter ego e isto produce nela unha vivencia literaria ata daquela descoñecida.
Asemade, Alexandra establece unha relación co seu compañeiro de instituto Ricard que foxe dos convencionalismos de romances merengóns presentes en moitas novelas xuvenís. Álex é unha adolescente que decide e vai ser ela a que marque os tempos nunha relación que nace caprichosamente, sen ir a remolque do compoñente masculino da parella. Tamén é orixinal a distancia sentimental entre os dous, sen paixón nin namoramento.
Xulio Trigo gusta de levar o libro ao libro, de xeito que esta temática non é nova no autor, na súa anterior novela xuvenil, Una lectora de Txèkhov (2006), Carla vai coñecer a vida do pasado a través da lectura do autor ruso, e xa dez anos antes, na súa obra El misteri del Barri Gòtic (1996), tamén xuvenil, atopabamos tres adolescentes afeccionados á literatura que a partir dun libro levan a cabo unha investigación e unha descuberta.
Manifestamos a nosa queixa sobre a excesiva brevidade da novela, quizais se podería falar dunha certa precipitación no remate dunha historia que nos deixa con ganas de máis páxinas.

TRIGO, Xulio Ricardo: A paixón de Alexandra; Edicións Xerais; colección Fóra de Xogo nº 127; Vigo, 2010.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*