Lin con moita atención esta crítica en Trafegando ronseis de Gracia sobre Ás de bolboreta de Rosa Aneiros e non concordo en absoluto. É máis, creo que algúns dos méritos da obra son os que alí se sinalan como defectos.
É un retrato da globalización onde non hai máis fío argumental que O Luzada, o universo-bar onde conflúen as personaxes, porque non se precisa que o haxa, non é unha historia senón un cruzamento delas.
No haber da obra sinalaría esa esixencia dun lector activo do que se require que pense, relacione e deduza, unha característica que se perdería se a autora optase por unha disposición lineal das historias, que están organizadas sen fendas narrativas nun encaixe meritorio que ademais permite diferentes niveis de lectura segundo a preparación de cada lector.
Outro acerto, desde o meu punto de vista é esa falta de intromisión autorial deixando que coñezamos as personaxes a través das súas propias palabras, cun traballo dos diferentes rexistros lingüísticos que poucas veces vin, velaí simplemente as parellas do avó Manuel e o neto, ou Milhomes e Paco.
En canto á amabilidade temática, eu máis ben falaría dunha “aparente amabilidade” porque todas as historias da novela son bastante crúas e nalgún caso mesmo desgarradoras.
En definitiva, lamento que non lle gustase unha obra da que eu gocei enormemente e da que, ao traballar logo con ela, aínda gocei maís.

SEN COMENTARIOS

  1. Isto é o marabilloso da literatura e da arte: as discrepancias. Recoñezo que non me gustou, nin lle gustou a ningunha das persoas que me rodeaban nese intre: compas e alumnas, a quen lles pedín que o lesen por ver se eu andaba moi errada.
    Un bicazo, profa!

Deixa una resposta a A profa Cancelar a resposta