Rosa Salgueiro, ademais de ser unha magnífica recompiladora de recursos para as aulas de lingua e literatura galegas a través da súa páxina Na punta da lingua, tamén recolle na web traballos de produción propia. A máis recente destas producións é unha guía de lectura de Makinaria, o libro poético de Carlos Negro en formato LIM.
É un material moi atractivo que seguro lle ha de resultar interesante ao alumnado. Contén actividades, digamos máis “clásicas”, como identificación da estrutura da obra, de temas e de narradores.  Ao carón  atopamos outras propostas máis frescas e novidosas como aquelas relacionadas con outras artes como a pintura e especialmente coa música que levan a outras formas de ler.
Un núcleo de traballo da guía moi interesante é todo o tratamento que se fai da relación entre  morte, velocidade e alcol. Ofrécenos así unha serie de actividades, onde se aproveita tamén para traballar coa prensa, que convidan ao alumnado a reflexionar sobre o tema pero sen caer no tópico e deixando ao final unha mensaxe esperanzadora e positiva.
Nótase nesta guía que hai detrás un importante traballo de documentación e de selección de materiais que redunda de forma exitosa no produto final.
Preséntase en dúas versións para que cadaquén escolla en función do tempo de que dispoña ou do grao de profundización que lle interese. 
Gozar da paisaxe é a versión completa (40 actividades).
Ir polo atallo é a versión reducida tanto no número de actividades (30) como na súa extensión. Acompáñase tamén dun documento con indicacións técnicas e suxestións didácticas para o seu uso na aula.

Deixo tamén esta entrevista a Carlos Negro da xente de SonCine, realizada durante unha visita do autor ao IES Porto do Son.

Carlos Negro veu ao IES. Escoitamos poemas, lemos poemas, sentimos poemas. Despois armamos unha entrevista. (Na próxima a ver se poñemos trípode).

E non se me ocorre mellor forma para comezar no blog unha sección dedicada a materiais relacionados coa lectura que a referencia a esta guía de Rosa Salgueiro que paga moito a pena.
Arrincamos!

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA