O luns pasado cheguei á casa cunha rosa e un libro e non era Sant Jordi. Tiven o pracer de asistir á entrega dos premios do Certame Literario do IES de Sanxenxo que vai xa pola súa sexta edición.

Pero vaiamos por partes,  o 23 de abril de 2010, o IES de Sanxenxo, comandado por Loli, acollíanos a persoas de seis centros educativos do Salnés para un acto de creación simultáneo. Alí, máis de 200 alumnas e alumnos crearon poesía e prosa partindo da  escrita de Yolanda Castaño. Impresionaba ver todas aquelas cabezas bulindo na procura da palabra, nun ximnasio convertido en fervedoiro creativo.

Agora, case dous meses despois, reuníronnos para entregar os seus premios nun auditorio Emilia Pardo Bazán do concello pontevedrés practicamente cheo de familias e rapazada.

Os condutores do acto foron os membros da compañía de teatro Elefante Elegante, que adaptaron o seu espectáculo O Forno para a ocasión introducindo de xeito cómico a reflexión sobre a importancia dos libros e a literatura. Madame Lisette (María Torres) e O Barón (Gonçalo Guerreiro) divertíronnos cos seus diálogos acompañados pola música de Alex Fente.

A mantedora do acto foi a poetisa Yolanda Castaño que principiou falando da necesidade de nos expresar e da tendencia que cadaquén ten para facelo a través dunha determinada arte para logo se centrar na creación e máis propiamente na creación poética. Logo foi recitando algunha das súas composicións ao tempo que as explicaba e realizaba unha reivindicación das minorías culturais como un elemento positivo e fundamental na vertebración dunha sociedade sá. Gustaríame dicir que malia parecer que este discurso podía resultar demasiado abstracto para a audiencia xuvenil que alí estaba, non foi así, e a autora adaptou con mestría o seu discurso ao auditorio.

Por último, quero agradecerlles aos bibliomaníacos do IES de Sanxenxo o ben que me trataron e tamén desexo facer públicos os meus máis sinceros parabéns para ese equipo encabezado por Loli polo seu apoio á creación literaria entre a mocidade, ten moito mérito desenvolver unha actividade desa envergadura e que todo estea tan ben organizado.

SEN COMENTARIOS

  1. Moitas grazas pola entrada no teu blog. Resulta doado traballar con compañeiras entusiastas que colaboran e fan posible que todo isto salga adiante.
    Parabéns a todos os vosos alumn@s, que tamén teñen moitoque ver no asunto.
    Mil grazas!!

Deixa una resposta a Bibliomanía Cancelar a resposta