Misterio no Camiño de Santiago
PILAR PONTE
Hai unhas semanas, a profesora Dolores Vilavedra publicaba un artigo na prensa onde reflexionaba sobre “a escaseza de textos literarios contemporáneos que se inspiren no Camiño de Santiago” e/ou que desenvolvan a temática xacobea, e chamaba a atención sobre o feito de que tivese que ser un autor alófono quen viñese tratar o tema nas nosas letras en referencia a Pere Tobaruela. E isto aínda chama máis a atención se facemos conta de que xa en 1997 fora unha sevillana, Concha López Narváez, a que conseguira un grande éxito cunha novela desta temática, Endrina e o segredo do peregrino, que en 2004 había de editar en galego a editorial Galaxia.
A aposta editorial de Xerais por este Xacobeo 2010, ofrécenos libros que abranguen diversos xéneros, guías, estudos etnográficos e históricos, libros fotográficos, literatura infantil e un título de literatura xuvenil, A cripta do apóstolo, de Pere Tobaruela, unha historia de misterio no Camiño de Santiago.
Parabéns á magnífica montaxe fotográfica que presenta o volume, realizada por Antonio Seijas, que podemos encadrar dentro do grupo das cubertas anticipatorias e a cuxa visión volvemos ao longo da lectura tentando adiviñar o que aínda está por vir.

Fotografía de Pere Tobaruela realizada por Xoán A. Soler.

Como acontece con outros moitos títulos de Fóra de xogo, a catalogación de literatura xuvenil aquí só serve para nos indicar que aos adolescentes tamén lles pode gustar este libro e non que se trate dunha lectura só para ese tramo de idade. Aínda que non faltan elementos propios do xénero xuvenil: parte dos protagonistas son un grupo de catro amigos de último curso de primaria que realizan desde Somport o camiño de Santiago co seu colexio, a aventura iniciática que supón a peregrinación ou a descuberta do amor adolescente.
O libro divídese en dúas partes de extensión desigual, a primeira titúlase “A Lenda”, abrangue aproximadamente cincuenta páxinas, e nela o autor novela a lenda do apóstolo desde as súas orixes ata o nacemento da cidade de Santiago de Compostela. A segunda, titulada “A cripta do apóstolo”, constitúe o corpo da novela, e nela ofrécesenos a historia da peregrinación dos catro amigos durante dúas semanas acompañados dun misterioso e enigmático monitor.
Podemos sinalar un grande acerto desta obra fronte a outras do xénero, o seu indubidable carácter didáctico. O importante labor de documentación levado a cabo por este autor barcelonés que xa leva cinco anos entre nós, ten como froito a inclusión no discurso novelesco de moitas das lendas e feitos históricos relacionados con monumentos e personaxes importantes da peregrinación sen sacrificar a frescura da historia.
Unha boa lectura onde poderán atopar unha gran dose de intriga que mediante xogos con anagramas os manterá en vilo ata a última páxina, e non é metáfora.
TOBARUELA, Pere: A cripta do apóstolo. Edicións Xerais de Galicia. Colección Fóra de Xogo nº 130. Vigo. 2010. 333 páxinas.
(Este artigo foi publicado o 10 de xuño de 2010 no suplemento cultural Faro da Cultura de Faro de Vigo. O Suplemento pódese descargar desde aquí.)

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*