Como se vai a vida
PILAR PONTE

Segue a medrar chea de saúde a Biblioteca Compostela de Narrativa Europea da editorial Galaxia que xa supera a vintena de títulos e da que salienta o seu labor de tradución ao galego das voces máis sobranceiras no panorama literario deste noso vello continente. Atopar nunha mesma colección figuras como Andrea Camilleri, Orhan Pamuk, Doris Lessing, Sarah Waters ou Anna Gavalda é todo un luxo que debemos saber apreciar. Entre os novos títulos publicados neste 2010 aparece Nocturnos de Kazuo Ishiguro, un autor que visita por segunda vez a colección, pois xa en 2007 Galaxia publicara do autor a obra Non me deixes nunca.
Ishiguro é un escritor inglés nado en Nagasaki que xa de neno se traslada a Inglaterra. Un tópico recorrente sobre o autor é afirmar que nel conflúen a tradición oriental e o puramente británico, mais como todos sabemos a posibilidade de transmitir sensibilidade non é inherente a unha soa cultura, independentemente de que o autor sexa un magnífico recreador de ambientes como se pode comprobar nesta obra. Fóra do mundo literario o escritor británico é coñecido por lectores e non lectores grazas á adaptación que James Ivory realizou da súa novela O que queda do día (1993), con ese marabilloso mordomo perfecto interpretado por Anthony Hopkins. Despois de publicar seis novelas, agora o autor presenta un libro de relatos, e á vista da redondez das cinco pezas sorprende que se trate do primeiro libro do autor neste xénero e agardamos que non sexa o último.

Nas historias do volume a música adquire protagonismo en si mesma ou por ser a profesión ou vocación dalgunha das personaxes protagonistas mais tamén por ser un elemento que nun momento determinado transporta esas mesmas personaxes a outros momentos da súa vida, sempre máis pracenteiros que o presente. O mérito de Ishiguro é converter casos de fracasos persoais en historias deliciosas de ler onde ademais o autor nos deixa os finais abertos para que reste en nós esa sensación melancólica de que aínda todo pode ocorrer malia que saibamos que non vai ser así.

 Tamén aparece na obra a dicotomía que se produce en calquera manifestación artística entre a vontade creativa do artista, isto é, a súa obra, e a recepción por un público alleo a el do que realmente produce. No primeiro relato, “O baladista”, é onde máis polo miúdo se trata este tema chegando á desmitificación do artista.
Nocturnos, cinco contos de música e anoitecida é un volume cun título tremendamente descritivo que non pode enganar a ningún lector porque nel vai atopar xusto o que se promete, nin máis nin menos, e asegúrolles que non é pouco. Esa anoitecida son as vidas das personaxes que decaen como as notas do Nocturno en si bemol menor OP 9 Nº 1 de Chopin… sen estrépito, sen alzar a voz, dun xeito tan natural que nos produce vertixe porque… e se nos pasase a nós? e se xa nos pasou? Podemos dicir que son historias de personaxes fracasadas ou é que ao final a vida non é máis ca iso, un enfrontamento cruel entre as expectativas e a crúa realidade?
ISHIGURO, KAZUO, Nocturnos. Cinco contos de música e anoitecida, Editorial Galaxia, Colección Biblioteca Compostela de Narrativa Europea nº 21, Vigo, 2010, 212 páxinas.

(Este artigo foi publicado o 8 de xullo de 2010 no suplemento cultural Faro da Cultura de Faro de Vigo. O Suplemento pódese descargar desde aquí.)

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*