Francisco Antonio Vidal (fotografía de La Voz de Galicia).

RETALLOS DE VIDA

PILAR PONTE
As deusas do Calvario é o fermosísimo título da oitava novela de Francisco A. Vidal, prolífico narrador, xornalista e ensaísta que nesta ocasión nos ofrece un texto que se move entre a novela social e a novela de protagonista heroica a través de textos fragmentarios que a xeito de crebacabezas debemos de ir compoñendo ao longo da lectura.
Xa ao comezo da obra nos situamos xeograficamente no polígono de Sabón e na costa de Oseiro, pertencentes ao concello de Arteixo nos arrabaldes da Coruña, desde ese momento inicial convertida na CIDADE con maiúsculas. E así, como o autor non aspira só a contar unha historia, senón tamén  a nos explicar a configuración da cidade e a súa forma de existir, intercala unha serie de oito textos denominada Teoría da cidade onde desprega abertamente a súa condición de etnógrafo. A urbe aparece convertida nunha forza destrutiva capaz de acabar en poucas horas cos fortes e mañosos brazos dos homes e de transformar as tensas peles de doncela en doncelas deslucidas. Unha estrutura de círculos concéntricos de forza atraente de carácter centrípeto serve para explicar como desde os máis afastados arrabaldes os integrantes de cada círculo aspiran a formar parte do círculo seguinte ata formaren parte do “centro centrísimo” que se corresponde co centro xeográfico e económico identificado coa felicidade. 
Vidal converte o arrabalde en barrio e realiza un retrato fiel das forzas que nel interactúan pola altura dos anos setenta. Trátase dunha narración crúa, sen eufemismos, na que dá conta da complexa engrenaxe que fai funcionar ese microcosmos-barrio. Un lugar habitado por esas deusas do Calvario que lle dan título á obra, mulleres sufridoras, incomprendidas, vítimas de diferentes circunstancias que as condenan a traxedias onde se impón o silencio. 
Como di a señora Antonia, unha das heroínas da novela, “a vida está feita de retallos […] dependendo da costureira, con eles pódese facer un farrapo ou o vestido dunha noiva”, estas palabras actúan como máxima e cada un é quen de trazar o seu camiño. Así uns no barrio  conseguen salvar o chanzo da marxinalidade e ascender socialmente mentres que outros esmorecen por vieiros errados que só conducen á dor. Alí atopamos a Inés e a Sabela, e acompañámolas no seu camiño, a unha desde a “princesa de la boca de fresa” de Sabina ata un cadáver de trinta e tantos no encoro e a outra ata os salóns etiqueteiros das donas de obras de beneficencia, e a Antonia maltratada e a Moncha nai sufridora. Vidal xuntou os retallos e confeccionou un fermoso mantelo feito de abelorios de negro loito para o noso goce lector.
VIDAL, FRANCISCO A., As deusas do Calvario, Editorial Toxosoutos, Colección Nume, A Coruña, 2009, 208 páxinas.


(Este artigo foi publicado o 23 de setembro de 2010 no suplemento cultural Faro da Cultura de Faro de Vigo. O Suplemento pódese descargar desde aquí.)

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*