POR TRAS DA SOTANA

PILAR PONTE
Amigos sempre é unha novela de Afonso Eiré que viu a luz por primeira vez no ano 1998 con grande éxito de público e que agora reedita A Nosa Terra. O libro, que conta a historia dos anos de Seminario en Lugo dun grupo rapaces desde o seu ingreso, leva a cabo unha descrición polo miúdo da vida dentro desta institución, das relacións de poder, da disciplina, dos malos tratos, dos abusos sexuais mais tamén do nacemento da conciencia de grupo e da solidariedade. Un texto de agradable lectura no que as páxinas voan cara ao final moi ao noso pesar.
Haberá quen pense que resulta moi oportuna a reedición da obra neste momento en que están saíndo á luz tantos e tantos casos de abusos sexuais por parte de membros da igrexa Católica en todo o mundo e non lle faltará razón. Aínda que en forma novelada, Eiré pon ao descuberto prácticas ilícitas e denunciables por tras da sotana. Tanto é así que o autor ten confesado que esta novela nacera con vocación de reportaxe pero que non o puido ser porque algúns dos seus compañeiros non están dispostos a denunciar publicamente e só queren esquecer ese capítulo terrible do seu pasado.
Desde a óptica de hoxe, chama a atención a estratexia de romper cos lazos familiares dos rapaces e o clima de constante prohibición, de como lles era revisado o correo, se lles prohibía participar nas vacacións nos labores do campo, ir ás festas, ir á cidade… pois en todo había pecado e abandono do camiño dun “Dios” afastado e ríxido.
Non podemos deixar de comentar as aldraxes que dentro do seminario recibían aqueles que usaban o galego, motivo de castigo para todo o grupo cando algún neno o falaba, e o desprezo co que era tratado todo o que proviña da vida labrega como un submundo de seres inferiores animalizados do que os futuros cregos tiñan que renegar canto antes.
Lonxe de titulares sensacionalistas, Amigos sempre cumpre unha dupla función, dunha banda convértese nun instrumento de denuncia dos abusos que se produciron nesa época no seo dalgúns seminarios, e doutra banda sérvenos para entender unha etapa moi importante na traxectoria vital de boa parte dos dirixentes galegos e que logo había deixar pegada tanto nos seus comportamentos a nivel persoal como nas vinculacións persoais que se estableceron no futuro.

EIRÉ, AFONSO, Amigos sempre, A Nosa Terra, A Vigo, 2010, 295 páxinas.

(Este artigo foi publicado o 7 de outubro de 2010 no suplemento cultural Faro da Cultura de Faro de Vigo. O Suplemento pódese descargar desde aquí.)

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*