O Quixote interactivo é un proxecto que permite un achegamento innovador á primeira edición da obra de Cervantes, conservada nos fondos da Biblioteca Nacional de España, e a un conxunto de contidos multimedia que axudan a contextualizala.
Partindo da dixitalización a moi alta calidade dos exemplares que conserva a BNE da 1ª edición (as de Madrid de 1605 e de 1615) construiuse un portal interactivo que conta con mapas, ilustracións, gravados e outros contidos procedentes de 43 edicións distintas da obra e doutras 21 obras diferentes pertencentes tamén á BNE. 
As posibilidades de navegación a través da obra son totais e cunha calidade gráfica impresionante. Neste sentido gustaríame salientar unha desde o punto de vista pedagóxico porque nos ofrece unha nova posibilidade de visualización da obra (xa antes contida en guías de lectura impresas), trátase da navegación a través dos mapas das rutas, que permiten visualizar a viaxe e partindo duns puntos no mapa localizar os framentos da obra alusivos.
Entre os materiais complementarios, gustome especialmente o apartado destinado aos libros de cabaleirías onde se estuda O Quixote en comparación con outras obras de cabaleirías partindo de seis características básicas deste xénero literario.
No meu parecer, o punto máis feble deste material é o apartado destinado á vida do século XVII que non mantén o nivel de calidade do resto do recurso, polo demais, moi altamente recomendable.
E haberemos de poder ver algunha vez así unha mostra da nosa literatura?

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*