Comprar, tirar, comprar (2010) é un documental emitido recentemente por TVE que estuda o fenómeno da obsolescencia programada.

Falamos de obsolescencia programada para referirnos ao acurtamento da vida dun produto por parte do fabricante co fin de incrementar as vendas obrigando ao usuario a comprar antes do que os avances técnicos permitirían, un fenómeno que se produce desde os anos vinte do pasado século. Este comportamento que dun xeito illado levaría a unha compañía á ruína, está na actualidade dominando o mercado de forma que o usuario acaba convencido de que para seguir a moda é preciso mercar sempre o último. Deste xeito, as persoas convértense en simples consumidores convencidas de que cada vez precisan posuír máis bens para conseguir a felicidade e son conducidas a unha situación de insatisfacción continua.

Podería ser un filme de ficción, mais é un documental que retrata a nosa realidade.

O documental, dirixido por Cosima Dannoritzer, está producido por Joan Úbeda e Patrice Barrat e para a súa realización foi necesario contar co apoio de Media 3.14, Televisió de Catalunya, ARTE (Francia), Article Z (Francia) e Televisión Española – TVE (España).

COSIMA DANNORITZER: A directora do documental é unha muller alemá que tamén é guionista e que ten traballado para televisións de Alemaña, Reino Unido e España. Dirixiu documentais como Se o lixo puidese falar (TVE, 2003) onde retrata a cidade de Barcelona a través dos seus cubos do lixo ou A amnesia electrónica (TVE, 2006) sobre a forma en que a dixitalización das memorias persoais ameaza a transmisión da información ás xeracións futuras, entre outros traballos.
Link: Encontro dixital coa directora / Nacidos para morrer antes, artigo de opinión de Xosé Manuel Pereiro publicado o día 15/01/2011 / Obsolescencia y entropía, entrada sobre el tema en la web decrecimiento

SEN COMENTARIOS

  1. Profa, eu vino o día que o puxeron na tv e flipei co tema das bombillas! Especialmente con aquela que leva non sei cantos anos alumando!!! O da obsolescencia programada forma parte da base desta economía de mercado capitalista. De feito xa non hai quen encontre case nada que dure… nin roupa, nin as máquinas, nin nada.
    O que estaba a pensar o día que vin o documental é que moitas veces lles dicimos aos nenos que "está roto, hai que mercar outro", polo menos eu, cometo o erro de dicilo a cotío. Dende que vin o documental, deixei de facelo e substituíno por un " hai que arranxalo, que está estragado".
    Saúdos.

Deixa una resposta a Chousa da Alcandra Cancelar a resposta