Sr. Presidente da Xunta de Galicia
SANTIAGO DE COMPOSTELA
Señor Presidente:
Os asinantes, compoñentes da Cerna de ProLingua e en representación dos máis de dous mil membros desta plataforma apartidaria e plural, integrada por persoas de moi diversa ideoloxía e profesión, mais especialmente como galegas e galegos que desexan preservar para as xeracións futuras a nosa milenaria lingua propia, e preocupados polas declaracións que determinados candidatos das próximas eleccións municipais e sinalados dirixentes do Partido Popular de Galicia fixeron, dirixímonos a vostede para lle expoñer as nosas inquietudes sobre dunha hipotética, pero non descartada, reforma da actual Lei de Normalización Lingüística (Lei 3/1983) no sentido de diminuír as esixencias que a citada lei contén no sentido da protección da lingua galega.
De se producir tal feito, e de sufrir a nosa lingua un novo decaemento da súa situación legal, queremos lembrarlle que iso significaría
a) Que o Partido Popular de Galicia rompería de forma unilateral o consenso acadado para a promulgación da LNL en 1983.
b) Un abuso de poder dada a escasa lexitimidade democrática que se contén no feito de modificar por maioría simple o que se adoptou por unanimidade.
c) Unha actuación contraria ao espírito da Constitución Española (Art. 3.3), do Estatuto de Autonomía de Galicia (Art. 5.3) e da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (BOE, nº 222 do 15/9/2001), que instan, todos eles, á defensa e promoción da lingua propia de Galicia.
d) Unha constatación pública e evidente da actitude de belixerancia contra o galego que mantén o partido que sostén o goberno de Galicia.
Por todo isto, rogámoslle a vostede que, consonte coa oferta de pacto pola lingua que manifestou no Courel o Día das Letras Galegas do pasado ano, se comprometa publicamente a non promover nin acometer ningunha reforma da LNL que non se produza co mesmo consenso e unanimidade con que a Lei 3/1983 foi aprobada no seu día.
Galicia, 9 de abril de 2011
Se desexas apoiar esta iniciativa, asina a petición online co teu nome e apelidos e un enderezo de correo electrónico válido.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA