LEO NON É BARBIE
Pilar Ponte

Prefiro espirme dende un comezo e confesar a miña debilidade pola escrita de Rosa Aneiros. Foi por iso para min un motivo de ledicia saber desta Ámote Leo A. Destino xalundes, e todo un agasallo que fose a primeira entrega dunha triloxía que continuará en xaneiro e xuño do vindeiro ano.
E comezas a ler e convérteste en Leo, nunha universitaria antes de se incorporar ao mundo laboral dos adultos, e visitarás lugares (Lisboa, Granada, Barcelona, Marrakech…), coñecerás xente, pensarás que os cartos non che chegan, aprenderás dos demais, e, sobre todo, aprenderás de ti.

Cáesme ben, Leo, e creo tamén que me gustas tanto porque es ti e asemade a que quixeramos ser moitas de nós que no seu momento non tivemos a afouteza que cumpría para afrontar unha viaxe iniciática como a túa na que nos atopar antes de emprendermos viaxes compartidas. Fascínasme porque me ensinas que Xalundes (agora xa con maiúscula) agarda por nós. Viaxo contigo páxina a páxina porque tes unha nai odiosamente protectora como todas as nais, porque es rabuda coma ti soa e porque non te pareces en nada a unha Barbie colgada dun Ken.

Mais Leo non viaxa soa, alguén lle deixa mensaxes de amor nun cartel, nun muro, no chan… quen está a facer a viaxe canda ela? quen lle declara o seu amor dende o anonimato? Si, a de Valdoviño atrápanos na tea do seu suspense, e teñas a idade que teñas desexarás ter rematado este curso a carreira.
Algúns xa estamos preparados para a segunda (Estación de tránsito) e a terceira (Terminal de… chegadas?) entregas, anímote a que emprendas o teu particular Destino xalundes con Leo A.
Este texto foi publicado o xoves 12 de decembro de 2013 no suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

*