Imaxe de Kilroy.
DECRETO 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.
TÍTULO II
Bacharelato
CAPÍTULO I
Principios e obxectivos
Artigo 25. Finalidade
O bacharelato ten como finalidade proporcionarlle ao alumnado formación, madurezaintelectual e humana, coñecementos e habilidades que lle permitan desenvolver funcións sociais e incorporarse á vida activa con responsabilidade e competencia. Así mesmo, capacitará o alumnado para acceder á educación superior.
Artigo 26. Obxectivos
O bacharelato contribuirá a desenvolver no alumnado as capacidades que lle permitan:
a) Exercer a cidadanía democrática, desde unha perspectiva global, e adquirir unha conciencia cívica responsable, inspirada polos valores da Constitución española e do Estatuto de autonomía de Galicia, así como polos dereitos humanos, que fomente a corresponsabilidade na construción dunha sociedade xusta e equitativa e favoreza a sustentabilidade.
b) Consolidar unha madureza persoal e social que lle permita actuar de forma responsable e autónoma e desenvolver o seu espírito crítico. Ser quen de prever e resolver pacificamente os conflitos persoais, familiares e sociais.
c) Fomentar a igualdade efectiva de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres, analizar e valorar criticamente as desigualdades e discriminacións existentes e, en particular, a violencia contra a muller, e impulsar a igualdade real e a non discriminación das persoas por calquera condición ou circunstancia persoal ou social, con atención especial ás persoas con discapacidade.
d) Afianzar os hábitos de lectura, estudo e disciplina, como condicións necesarias para o eficaz aproveitamento da aprendizaxe e como medio de desenvolvemento persoal.
e) Dominar, tanto na súa expresión oral como na escrita, a lingua galega e a lingua castelá.
f) Expresarse con fluidez e corrección nunha ou máis linguas estranxeiras.
g) Utilizar con solvencia e responsabilidade as tecnoloxías da información e da comunicación.
h) Coñecer e valorar criticamente as realidades do mundo contemporáneo, os seus antecedentes históricos e os principais factores da súa evolución. Participar de xeito solidario no desenvolvemento e na mellora do seu contorno social.
i) Acceder aos coñecementos científicos e tecnolóxicos fundamentais, e dominar ashabilidades básicas propias da modalidade elixida.
l) Comprender os elementos e os procedementos fundamentais da investigación e dosmétodos científicos. Coñecer e valorar de forma crítica a contribución da ciencia e da tecnoloxía ao cambio das condicións de vida, así como afianzar a sensibilidade e o respecto cara ao medio ambiente e a ordenación sustentable do territorio, con especial referencia ao territorio galego.
m) Afianzar o espírito emprendedor con actitudes de creatividade, flexibilidade, iniciativa, traballo en equipo, confianza nun mesmo e sentido crítico.
n) Desenvolver a sensibilidade artística e literaria, así como o criterio estético, comofontes de formación e enriquecemento cultural.
ñ) Utilizar a educación física e o deporte para favorecer o desenvolvemento persoal esocial, e impulsar condutas e hábitos saudables.
o) Afianzar actitudes de respecto e prevención no ámbito da seguridade viaria.
p) Valorar, respectar e afianzar o patrimonio material e inmaterial de Galicia, e contribuírá súa conservación e mellora no contexto dun mundo globalizado.
Artigo 27. Principios metodolóxicos
1. Os centros docentes implementarán metodoloxías que teñan en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe do alumnado e as súas características individuais e/ou estilos de aprendizaxe, co fin de conseguir que todo o alumnado alcance o máximo desenvolvemento das súas capacidades. Así mesmo, estas metodoloxías deberán favorecer a capacidadedo alumnado para aprender por si mesmo, para traballar en equipo e promover o traballo en equipo, e para aplicar métodos de investigación apropiados.
2. A metodoloxía que se utilice no bacharelato favorecerá o traballo individual e en grupo, o pensamento autónomo, crítico e rigoroso, o uso de técnicas e hábitos de investigación en distintos campos do saber, a capacidade do alumnado de aprender por si mesmo, así como a transferencia e a aplicación do aprendido.
3. As tecnoloxías da información e da comunicación serán unha ferramenta necesariapara a aprendizaxe en todas as materias, tanto polo seu carácter imprescindible na educación superior como pola súa utilidade e relevancia para a vida cotiá e a inserción laboral.
4. A consellería con competencias en materia de educación promoverá as medidas necesarias para que as habilidades de comprensión de lectura e de uso da información, a expresión escrita e a capacidade de se expresar correctamente en público se traballen polo profesorado en todas as materias. O alumnado de bacharelato debe adquirir, ademais, un manexo adecuado da información en diferentes soportes e procedente de distintas fontes, incluída a biblioteca escolar, en liña co concepto de alfabetizacións múltiples.
5. Os centros docentes impartirán de xeito integrado o currículo de todas as linguas da súa oferta educativa, co fin de favorecer que todos os coñecementos e as experiencias lingüísticas do alumnado contribúan ao desenvolvemento da súa competencia comunicativa plurilingüe. No proxecto lingüístico do centro concretaranse as medidas tomadas para a impartición do currículo integrado das linguas. Estas medidas incluirán, polo menos, acordos sobre criterios metodolóxicos básicos de actuación en todas as linguas, acordos sobre a terminoloxía que se vaia empregar, e o tratamento que se lles dará aos contidos, aos criterios de avaliación e aos estándares de aprendizaxe similares nas materias lingüísticas, de xeito que se evite a repetición dos aspectos comúns á aprendizaxe de calquera lingua.
6. A acción titorial e a orientación educativa e profesional terán un papel relevante nesta etapa. O/a profesor/a titor/a coordinará a intervención educativa do equipo docente e manterá unha relación permanente cos pais, coas nais ou cos titores e coas titoras legais, co fin de garantir o exercicio dos dereitos recoñecidos no artigo 4.1.d) e g) da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación.

*Tamén podes descargar o texto en formato .doc a través da seguinte
https://www.dropbox.com/s/ocyims0ppacaaf1/Texto%202-Principios%20e%20obxectivos%20do%20bacharelato%20LOMCE.doc?dl=0

_________________

ACTIVIDADES SOBRE O TEXTO

  1. Indica o tipo de texto segundo a intención comunicativa e segundo o ámbito de uso. Sinala dúas características coas que poidas xustificar a túa resposta. (As respostas que precisas pódelas atopar no libro de texto.)
  2. Cantos son os obxectivos sinalados para o bacharelato no Artigo 26? Cres que no texto todos os obxectivos son igual de importantes ou se establece algún tipo de xerarquía entre eles?
  3. Cales son os obxectivos referidos especificamente á competencia lingüística do alumnado? Que se di neles?
  4. Indica algún contido do texto que che resultase especialmente interesante, te sorprendese ou che gustaría salientar? Cal? Por que?
  5. Realiza un esquema no que deas conta da estrutura do texto e dos seus principais contidos.
  6. Cres que para ti como membro do alumnado resulta interesante este texto? Xustifica a túa resposta.
  7. Veste reflectido ou reflectida no tipo de adolescente retratado no texto? Xustifica a túa resposta.
  8. Segmenta morfoloxicamente a palabra “impartición” e sinala a súa clasificación segundo a estrutura mórfica (simple, derivada, composta, parasintética).
  9. Procura cinco substantivos abstractos no texto e indica se son abstractos de cantidade, de calidade ou de fenómeno.
  10. Indica o significado dos seguintes termos e expresións no seu contexto:

– Ordenación sustentable do territorio (no obxectivo L do Artigo 26).
– Patrimonio material e inmaterial galego (no derradeiro obxectivo do Artigo 26).
– Transferencia (no segundo principio metodolóxico do Artigo 27).
– Alfabetizacións múltiples (no cuarto principio metodolóxico do Artigo 27. Cantas e cales son?)

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA