Hoxe tócalles a moitos compañeiros e compañeiras enfrontarse ás oposicións de ensino, un proceso de selección de recursos humanos no cal, tras unha serie de probas, saíran seleccionadas persoas que pasarán a formar parte de xeito permanente do profesorado galego.

Resulta interesante centrar na natureza das probas de selección. A que obxectivos responden? Aquí podemos atopar opinións para todos os gustos que se polarizan en dúas concepcións diferentes do proceso, a daqueles que consideran que nas probas as persoas aspirantes deben demostrar que están preparadas para o posto que van desempeñar e a daqueloutros para os que o importante é que as persoas aspirantes estean moi ben formadas na súa especialidade, de tal xeito que as oposicións virían a ser unha especie de reválida da carreira. Á vista da convocatoria deste ano, está claro que, polo menos nalgunhas materias primou esta segunda opción nas decisións dos tribunais avaliadores.

Vexamos, por exemplo, na parte A da primeira proba para o profesorado de Educación Secundaria de Lingua castelá e literatura, ao longo de tres horas realizaranse 1 comentario de texto filolóxico, 1 comentario de texto lingüístico e 1 comentario de texto literario. Todo o mundo supón os obxectivos dos comentarios lingüístico e literario dado que a praza que se adxudicará é para ensinar lingua e literatura pero, que fai aí un comentario filolóxico? Para persoas doutras áreas, aclararemos que un comentario de texto filolóxico ten como obxectivo principal a datación dun texto dado como conclusión da análise dos diferentes planos da súa lingua, seica o de hoxe era do século XIV. Pois ben, velaí está, un procedemento que non vai formar parte da formación impartida sitúase nun lugar privilexiado nos criterios de selección ao carón do comentario lingüístico e literario que si son parte da materia que se vai ensinar nas aulas.

Logo na parte B da primeira proba, o vindeiro luns, virán os temas teóricos. A redacción do temario vixente remóntase a setembro de 1993 nas especialidades de Lingua Castelá e Literatura, Xeografía e Historia, Matemáticas, Física e Química, Bioloxía e Xeoloxía, Inglés, Educación Física e Orientación Educativa [anexo III da Orde do 9 de setembro de 1993, do Ministerio de Educación (BOE do 21 de setembro)]. Pois iso, 23 aniños de nada separan a realización das probas de hoxe do deseño do temario, a cantidade de tempo non sería importante se estivésemos a falar da educación no século XII pero hai uns cantos sucesos que deberiamos ter en conta no noso caso e que acontecen nese período:

  • Apróbanse a Lei Orgánica de Calidade da Educación, LOCE (2002), a Lei Orgánica de Educación, LOE (2006) e a Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa, LOMCE (2013)
  • Publícase e entra en funcionamento o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER) (2001)
  • Xeneralízase o uso da rede, das páxinas web, dos correos electrónicos e das redes sociais.
  • Xeneralízase o uso de smartphones.
  • Nacen os portais educativos e desenvólvense os obxectos dixitais de aprendizaxe.
  • Desenvólvese o enfoque competencial.

Non podemos caer no erro de pensar que as únicas novidades na educación nos últimos 23 anos abranguen só o ámbito do pedagóxico e que para iso xa está a segunda proba da fase oposición.

Segundo o currículo oficial, a materia de Lingua e Literatura castelá en ESO e Bacharelato distribúese en 4 bloques de contido. Vexamos de que xeito o temario da oposición (72 temas) se relaciona con eles.

Bloques de contido na ESO e no Bacharelato Temas da oposición*
Comunicación oral 1
Comunicación escrita 9
Coñecemento da lingua 11
Educación literaria 40
*Outros (11 temas)

 

Isto lévamos a dúas conclusións:

1. Mentres a presenza da literatura mingua no ensino ata se reducir a un 25% da materia, continúa a ocupar un 56% do temario.

2. Mentres a aprendizaxe das linguas en contextos comunicativos reais se desenvolve nas aulas ata ocupar un 50% da materia, a súa presenza no temario non chega ao 28%. Salienta aínda máis o despropósito no ámbito da educación en comunicación oral que cunha presenza dun 25% no currículo, no temario se limita a un ridículo 1%.

Cómpre realizar unha urxente modificación e actualización dos temarios e isto lévanos ao eterno problema do cando. No momento da convocatoria? Imposible, iso prexudicaría as persoas aspirantes e a toda a engrenaxe de academias, preparadores, etc. Fagámolo agora, despois desta convocatoria, xa, para que en setembro comece de novo un ciclo opositor renovado. Ou senón, ata cando imos seguir cos temarios de 1993? A mesma administración que regula e xestiona a mudanza educativa noutros eidos ten que ser a encargada tamén de rachar con esa inercia absurda de convocar ano tras ano oposicións á ensinanza con ese desfasamento respecto da realidade educativa.

*A imaxe procede da páxina de informativos da TVG.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA