Fotografía tirada de aquí.

1. Para as dúas materias, cubre o cuestionario que atoparás en aprofa.gal na pestana 1 ESO ou na pestana ITI. (http://aprofa.gal/2017/09/21/cuestionario-para-comezar/)

2. Nesta primeira semana deberás facer a seguinte TAREFA 1 de ITI:

2.1. Busca nos medios de comunicación 3 titulares que teñan un enfoque positivo, cópiaos no teu caderno e escribe os mesmos titulares dándolles ti un enfoque negativo. Despois busca 3 titulares que teñan un enfoque negativo, cópiaos no teu caderno e escribe os mesmos titulares dándolles ti un enfoque positivo.

3. Para Lingua Galega nesta primeira semana realizarás as seguintes actividades:

3.1. (TAREFA DE LINGUA 1) Copia e soletrea as seguintes palabras no teu caderno: radiotelegrafista, xinecoloxía, química, guepardo, dalgunhas, abella.

3.2. (TAREFA DE LINGUA 2) Realiza as seguintes accións con cada unha das seguintes palabras:

  • Divide a palabra en sílabas.
  • Indica a súa clasificación segundo a sílaba tónica (agudas, graves, esdrúxulas).
  • Coloca o acento se fose preciso.
  • Xustifica a aparición ou non de acento gráfico.
  • Se hai ditongos, rodéaos.
  • Se hai hiatos, sublíñaos.

Fíxate no exemplo:

COLLIA: co – llí – a; palabra grave; leva acento para marcar o hiato; non hai ditongos; hai un hiato collía.

COLLIA, ESTREITA, FIESTRA, CORREDOIRA, CONTAME, ZAPATO, ABRIR, ESBIRROU, PRACTICA, ROSEIRA, OUTRA, RUA

3.3. (TAREFA DE LINGUA 3) O libro de lectura obrigatoria no 1º Trimestre para a materia de Lingua Galega e Literatura vai ser:

REIMÓNDEZ, María: Corredora. Ed. Xerais. 2017.

Faite cun exemplar ao longo da vindeira semana e comeza a lelo. O primeiro día de clase de lingua da semana do 9 de outubro  deberás vir á clase co teu exemplar para comezar a traballar coa obra na aula.

Prazos de lectura de obrigado cumprimento:

9 de outubro: lido ata a páx. 28.

16 de outubro: lido ata a páx. 46.

23 de outubro: lido ata a páx. 82.

30 de outubro: libro completo.

Por suposto que podes avanzar na lectura o que queiras, o que non podes é demorarte máis dos prazos sinalados.

No caso de haber dúas irmás ou dous irmáns na mesma familia só deberán traer á aula un exemplar da obra.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA