Os demos interiores

Misteriosa e atlántica

Fotografía de A Profa.

Tras gañar a XI edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega, Xosé A. Neira Cruz volve ás portadas da actualidade literaria cunha novela para adultos de intriga e misterio. O multipremiado autor santiagués, cultivador de xéneros como a novela, o teatro e a poesía, ademais do ensaio, faise deste xeito cun dos poucos galardóns que lle quedaban por conseguir no panorama literario galego.

A historia vén marcada pola presenza de tres protagonistas, narradores a diferentes voces, aos que a súa profesión leva á Costa da Morte. Unha médica (Paula), unha restauradora (Gloria) e un párroco (Pedro) van coincidir nunha noite de inverno en Boaño, unha aldea situada entre Laxe e Camariñas na que unha muller moribunda xace no leito de morte. Alí convivirán ademais cos seus propios demos interiores.

Estas tres personaxes, ademais van ser narradoras en diferentes persoas gramaticais de xeito que se esixe de nós lectores que sexamos proactivos e colaboremos na construción/reconstrución da historia común e daqueloutras que cada un deles arrastra. Á fin os tres non son outra cousa senón superviventes para os que o encontro se converte nunha inesperada táboa de salvación, “non hai horizonte que non contente e que non encha, se ao final o que un precisa é resistir”.

Únense ao redor da Casa do sono onde a vida se parou noutrora e na que tres mulleres de idades indescifrables afogan nunha atmosfera opresiva que lembra por veces A casa de Bernarda Alba. O texto fala tamén do peso da tradición e de como a comunidade en ocasións realiza un exercicio de defensa persoal mediante o xuízo máis implacable, que non é outro que o do silencio do clan.

No texto de Neira Cruz podemos salientar asemade a presenza de dous elementos que envolven os protagonistas do comezo á fin, trátase da melancolía e do medio natural.

Coma Paula, unha das protagonistas, ao longo das páxinas quedamos prendidos na melancolía que invade o ambiente dende a primeira páxina, acompañada doutros sentimentos como a insatisfacción. A melancolía atopa acubillo na banda sonora desta novela que arrinca co son dos violíns de Vilallonga, continúa coa oitava de Mahler dedicada a un amor que xa non era, pasa por Kevin Johansen para rematar con Jorge Drexler nunha playlist que non deixa oco á esperanza.

Doutra banda atopamos un medio natural opresivo onde a chuvia, a borraxeira, o mar de Traba sempre bravo, a néboa, unha paisaxe asolagada na brétema… obrigan a permanecer sempre en espazos cerrados ao mundo coma o corazón dos tres protagonistas que permanece nun letargo que xa se volveu demasiado longo.

Paralelamente á trama principal ofrécesenos outra paralela de carácter histórico onde se insiren elementos de misterio que van confluír nunha reportaxe xornalística que funciona como apéndice-compilación. Este elemento textual sérvelle ao tempo ao autor para xogar coas perspectivas situando o obxecto libro na prehistoria da trama, no interior da trama nas mans dunha das protagonistas e no noso propio presente como lectores.

Formalmente o autor ofrécenos un texto continuo onde, a modo de ata-fiinda, as palabras finais dun capítulo funcionan como comezo do seguinte de tal xeito que o salto da voz dun narrador á doutro só vén marcado pola presenza en negriña dunha ou dun par de palabras clave.

O sono das sereas ofrécenos a experiencia literaria dunha Galicia misteriosa e atlántica que sen dúbida paga a pena vivir.

NEIRA CRUZ, Xosé A.: O sono das sereas. Editorial Galaxia. Vigo. 2017. 157 páxinas.

*Este texto publicouse o xoves 18 de xaneiro de 2018 nas páxinas do suplemento cultural Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo.

CITAS DESTE LIBRO:

“Os deuses castígannos concedendo o que lles pedimos.” [páxina 13: Paula]

“Cadaquén ten dereito a cultivar as súas teimas con absoluta impunidade.” [páxina 13: Fernando Ambroi]

“As cousas fanse porque si. Un déitase porque mañá se ha ter que erguer. Non cabe disidencia ao reloxo da vida. Non hai pregunta que formularse. Adiante mansamente e sen esperar máis.” [páxina 25: Pedro]

“Non hai horizonte que non contente e que non encha, se ao final o que un precisa é resistir.” [páxina 26: Pedro]

“[…] nese silencio culpable de quen cisma na orixe do primeiro erro sementado que veu dar ao irremediable.” [páxina 27: Pedro]

“Esas partes do mundo sobre as que o sol xamais parece saír. Partir o pan, bendicilo, agradecelo e engulilo, sabéndonos privilexiados habitantes do terzo que o come todo, sen que ninguén, desde ningún lugar, pareza inmutarse pola sorte dos que morren de fame.” [páxina 28]

“A emoción ten a pel máis mutante e traizoeira de todo canto podemos ofrecer. A través dela presentámonos tal como somos, memo ao noso pesar. E xa nada é igual despois da súa aparición.” [Pedro]

“Canto mal non levan feito as novelas e as películas. En canto ben… Teiman en facernos crer que a vida está repleta de instantes definitivos. Cando o definitivo é, realmente, o derradeiro instante. Ese que antes, sempre antes do que esperabamos, acaba por chegar poñéndonos de bruzos perante a única verdade que peta á nosa porta, que de certo nos chama.” [páxina 105: Pedro]

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA