O material aparecido nesta entrada está elaborado por José R. Vidal do IES Monte Carrasco de Cangas do Morrazo.

 

Avaliación dos espazos web: criterios para identificar webs fiables

Despois de buscar pola rede acabas con centos de resultados. Como decides cal é a mellor páxina web? Cando intentes decidir se unha páxina web é útil para ti, hai unhas cantas cousas nas que debes fixarte. Este proceso chámase avaliación dos espazos web.

Habilidades para contrastar a validez dunha información.

1.- Quen a fixo?

Autoría e Autoridade.- Unha páxina debe ter en lugar accesible o nome do autor ou autores ou, no seu caso, da institución que a avala, así como algunha forma de contacto con eles. De non ser así, a información non debe ser tida en conta. Daremos prioridade a aquelas que estean avaladas por institucións de recoñecido prestixio (universidades, institutos, Reales Academias…)

2.- Está actualizada?

Actualización.- A información caduca. Por isto, se unha páxina non se actualiza hai tempo ou ben unha información se publicou con moita anterioridade ao momento da consulta, debe descartarse, sobre todo en asuntos relacionados coa ciencia e/ou a actualidade. Deberemos buscar sempre a data da última actualización.

3.- Ten enlaces?

Enlaces- O número de enlaces que unha páxina recibe, así como o dos que dela mesma parten, con frecuencia é unha garantía de que o sitio está ben interconectado e non elude a conexión con redes de prestixio. Un sitio sen enlaces non deberá merecer a nosa atención.

4.- Para que se fixo?

Intencionalidade.- É preciso averiguar a intencionalidade do autor e escoller aqueles documentos nos que está excluida a publicidade de calquiera índole. É claro que se o obxectivo é vender algún produto, a información que alí apareza estará sesgada e carente de obxectividade. Isto inclúe a publicidade ideolóxica: organizacións políticas, relixiosas, empresariais… Concluimos, pois, que cualquera información que ofrezan terá que ser contrastada noutros documentos.

5.- Enténdela?

Non perdas o tempo cunha páxina que sexa demasiado difícil de entender.

Decide axiña se che serve ou non. Probablemente fas o mesmo cos libros sen decatarte, fixándote en:

  • A linguaxe – demasiado difícil?
  • A extensión- demasiado longa?, ben organizada?, doada de ler?
  • Se hai fotografías ou gráficos que axuden a entender o contido.

Seguindo o seguinte modelo, analizade en parellas catro páxinas web en galego de diferente temática: un medio de comunicación, unha empresa privada, unha páxina institucional e unha ONG.

Usa este modelo:

URL http:// Enderezo web
Autoría
Autoría ou organización de confianza? Por que?
Para que cres que foi feita?
Hai información de contacto?
Está actualizada?
Ten a información que buscas?
Ten enlaces? Funcionan?
Ten publicidade?

 

IES Monte Carrasco Investigación e Tratamento da Información José R. Vidal. Buscar na web. Mª Olga Rodríguez Díaz. Malpica

2 COMENTARIOS

  1. Para min esta web está xenial pero creo que ao estar en galego cerrado algunha porta para los que non entienden esta lingua, pero pode axudarche a aprender esta lingua.

    • Grazas polo teu comentario, Lucas, a miña aposta é clara polo uso do galego e parto ademais de que se alguén que non entende o galego estivese interesado nos contidos da web pode utilizar os servizos de tradución dos navegadores web. O que non me dis é en que idioma me recomendarías ti facer o meu blog. Cal sería?

DEIXAR UNHA RESPOSTA