Saberache a pouco

PILAR PONTE

Temos moi poucos elementos: un profesor novo emigrante en Alemaña, as mensaxes dun amigo dende Compostela e a aparición deste último, morto. Así comeza a trama de Campus morte, a estrea narrativa en galego de Lito Vila Baleato publicada por Galaxia, un texto de menos de cento oitenta páxinas que de seguro se ha de converter nun dos éxitos literarios galegos deste verán.

O autor, tamén blogueiro en castelán, xa publicara con anterioridade textos nunha colección de literatura didáctica dedicada á aprendizaxe de español para estranxeiros, unha formación que sen dúbida contribuíu a que esta, a súa primeira novela para adultos en galego, lle quedase tan redonda.

A novela arranca o xoves 19 de xaneiro de 2017 co protagonista, o profesor Iago Miranda, en Hannover e remata dezasete días máis tarde, o sábado 4 de febreiro do mesmo ano con el de volta na emigración alemá. Nese medio mes Miranda volve á súa Compostela natal onde, por mor das circunstancias, acabará asumindo os roles propios do detective nunha novela policial. A estrutura xira arredor deste tempo no presente e de seis flash back ao momento en que Kathrin Brinkmann, unha estudante alemá de Erasmus, aparece morta nas beiras do río Sarela. A localización temporal do asasinato nesa altura permítelle recrear a vida dos estudantes universitarios de finais dos anos 90 co fenómeno do botellón. En canto ao espazo, Campus morte contribúe á creación desa Compostela literaria para o xénero que encetara Carlos Reigosa co seu célebre Crime en Compostela. As personaxes vannos servir tamén para realizar un retrato das diferentes saídas que atopou a mocidade do momento, que van dende a emigración do protagonista ao parlamentario fillo de parlamentario pasando pola funcionaria na Xunta, o médico e o pequeno empresario, tipos perfectamente recoñecibles que resumen a evolución económica galega nestes anos.

Vila Baleato mestura con habelencia os ingredientes do xénero: o asasinato, o detective, a parella de policías, o culpable e as circunstancias verosímiles ata conseguir que non minta a contracapa cando cualifica de “trepidante” a historia. É certo, estamos diante dunha obra áxil, perfecta para devorar nunha tarde de praia e logo recomendárllela ás amizades porque asemade ofrece unha lectura que pode resultar satisfactoria para persoas con hábitos lectores moi diferentes.

Podemos atopar no protagonista non poucas coincidencias de experiencia vital co propio autor, viven unha mesma etapa histórica, pertencen a un territorio común, o das rúas da Compostela universitaria, ambos traballan no ensino de linguas na emigración alemá aínda que un o faga na universidade e outro na secundaria. Finalmente, algo que atravesa a novela filtrando a ollada do protagonista, senten ese desexo de volver a Galicia cando se poida, un sentimento desgraciadamente común á denominada “xeración burbulla”, esa xeración perdida debido a crise provocada pola burbulla inmobiliaria que anda por outros lugares do estado e por Europa procurando o momento en que este país lles ofreza a oportunidade que lles debe.

Agardamos que Lito Vila Baleato nas súas seguintes novelas negras, porque eu creo que independentemente de que cultive outros xéneros, non debería abandonar este, sexa menos comedido narrativamente e nos proporcione máis detalles. Xa sabemos que o xénero negro require actuar con meticulosidade na dosificación da información para acadar ese equilibrio xusto que nos satisfai ao mesmo tempo que nos arrastra a seguir lendo, pero tamén é certo que a noite de Kathrin Brinkmann podería ter dado máis de si.

Algunhas voces críticas nos medios de comunicación xa realizaron a previsión de que Vila Baleato está chamado a ser moi pronto un valor importante da literatura galega. Gustaríame moito. Oxalá estean no certo e, xa por pedir, que nos inclúa protagonistas femininas!

VILA BALEATO, Lito: Campus morte. Editorial Galaxia. Colec. Literaria nº 369. Vigo. 2018. 180 páxinas.

*Este texto publicouse o xoves 5 de xullode 2018 nas páxinas do suplemento cultural Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA