LECTURA HORIZONTAL

Da Grecia clásica deica nós

PILAR PONTE

Volve a nós a poética de Marilar Aleixandre grazas a Mudanzas e outros velenos (2017), un volume singular que reúne tres dos cinco libros da traxectoria da autora neste xénero. Galaxia permítenos deste xeito, a través da colección Dombate, recuperar estes textos que neste momento eran inaccesibles para o público.

A tamén poeta, Antía Otero, prologa a obra realizando unha análise na que nos sinala as tres grandes liñas temáticas da autora: a identidade e o familiar, a reescrita e a desescrita, e a natureza e a paisaxe.

Catálogo de velenos, o primeiro dos textos, ve a luz en 1999 despois de recibir o XVIII Premio Esquío de Poesía. Estamos ante unha poética do real do día a día e así en “Derrotas domésticas” lémbranos o colectivo de mulleres que, como súa nai, viron como a realidade cotiá da vida familiar vencía día a día as súas vocacións mais sen apagar por completo a súa luz que podemos apreciar no amargo verso final “Como é que estás sorrindo nas fotos?”. A obra amosa nesa altura unha perspectiva innovadora pois foxe da familia como un núcleo necesariamente en harmonía e fanse explícitas as tensións existentes no seo da familiar especialmente entre nai e filla, eses velenos que veñen de dentro e que permanecen ata ese remate inexorable “eu vou cosendo/ con puntadas desiguais/ as palabras que sobreviviron”.

Abecedario das árbores (2006), o segundo dos textos, toma como fío condutor o abecedario celta das árbores e a reivindicación da natureza faise protagonista a través das árbores nas catro estacións do ano.

En Mudanzas, premio Pen Clube/Caixa Nova de Poesía publicado en 2007, reinterpreta as Metamorfoses de Ovidio no significado, no espazo e tamén no tempo. Moitos dos casos de violencia de xénero acontecidos no último ano fan que nos deamos conta da vixencia do tema. A autora reinterpreta a violación como un acto violento no que a vítima non pode ser a condenada como acontecía na obra do poeta romano onde as violadas son castigadas e transformadas en animais. Así Circe, Medusa ou Medea son reivindicadas dende unha perspectiva contemporánea que arrinca as historias da Grecia clásica para colocalas na Galicia actual.

Fina Casalderrey, en xaneiro de 2017, na resposta ao discurso de ingreso na Real Academia Galega de Marilar, fala da autora como “unha desas voces libres que terman da paisaxe galega”; aproveitemos a oportunidade que nos ofrece este volume de nos achegar doutro xeito aos versos da autora e poder realizar esa “lectura horizontal” da que nos fala Antía Otero no prólogo que nos vai permitir gozar desas constantes que permanecen na escrita da autora.

ALEIXANDRE, Marilar: Mudanzas e outros velenos. Editorial Galaxia. Colección Dombate nº 72. Vigo. 2017. 192 páxinas.

*Este texto publicouse o xoves 15 de marzo de 2018 nas páxinas do suplemento cultural Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA