As fronteiras non están nos mapas

PILAR PONTE

Poucas son as ocasións en que podemos gozar na nosa lingua da literatura de viaxes. É por iso que a chegada ás librarías dun volume deste xénero como O país sen fronteiras. Trinta días a través do Senegal esperta entre nós especiais expectativas lectoras. O autor, Xerardo Agrafoxo, é un escritor xa consagrado como un prolífico ensaísta que supera as dúas decenas de libros de investigación nos que salienta o achegamento histórico aos concellos de Lousame e Noia e á evolución política neste último dende a transición ata o presente século. Como autor de ficción acumula xa catro títulos entre os que se inclúe un Premio García Barros.

Como se indica no subtítulo, o volume é a crónica da viaxe realizada polo noiés durante o mes de novembro de 2016 a través do Senegal, a porta da África negra e un dos países máis pobres do mundo. A fórmula textual escollida é a do diario, de tal xeito que cada capítulo recolle as vivencias de un día de percorrido.

Dende as primeiras páxinas o escritor xa nos confesa abertamente o seu posicionamento creativo: “A miña intención era contar a historia dunha viaxe sen realizar ningunha simulación narrativa dos acontecementos que me sucedesen (…) sen subestimar os lectores con episodios inventados.” Neste sentido, agradecemos que  nos aforre as pesadas páxinas de datos, malia terse documentado un ano enteiro, e as requintadas descricións nas que caen outros autores do xénero e nos ofreza ao longo desa trintena de capítulos unha prosa equilibrada que avanza pasesiño polo que el mesmo define como un país tranquilo.

O ton de tranquilidade convida ao paseo por lugares como Saint-Louis, a cidade colonial onde residía Antoine de Saint-Éxupéry, creador d’O Pricipiño; Casamanza, coas súas fileiras de nenos invadindo as beiravías camiño da escola; Joal, onde visita a casa museo dedicada ao poeta Léopold Sédar Senghor, primeiro presidente do Senegal; ou a actividade febril dun mercado en Keur Massar.

O percorrido do viaxeiro vén marcado por diferentes circunstancias que van xurdindo e polos encontros con persoas que coñece no camiño, moitas delas de orixe europea e que tamén lle ofrecen a súa persoal visión do país. Malia isto, o autor fai todo o posible para se afastar do posicionamento superior e distante dun observador europeo, e libre de racismo e de prexuízos achégase ás vivencias daqueles que viven na miseria ollando de esguello cara a un norte rico que non os quere porque as fronteiras non están nos mapas.

Estas páxinas ofrécennos unha chea de experiencias que van do cotián ao extraordinario levándonos a atravesar estradas de quilómetros de mercados, durmir nun mosteiro e mesmo visitar a Casa dos Escravos, unha mansión coa súa “porta do non retorno” pola que saíran de África camiño de América ao redor de sesenta mil escravos. Sen dúbida, O país sen fronteiras é unha viaxe literaria que non podes perder.

AGRAFOXO PÉREZ, Xerardo: O país sen fronteiras. Trinta días a través do Senegal. Editorial Galaxia. Colec. Literaria nº 371. Vigo. 2018. 320 páxinas.

*Este texto publicouse o xoves 27 de setembro de 2018 nas páxinas do suplemento cultural Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA