Traxedia sen tópicos
Nun lugar de difusas fronteiras
PILAR PONTE
Principio de incerteza é a última creación da narradora Pilar Ortega, unha novela coa que gañou o Premio Ánxel Fole de Narración Curta do Concello de Lugo 2017. Tanto o contido como a estrutura do texto veñen marcados polo principio ou inecuación de Heisenberg que di que resulta imposible coñecer o lugar exacto que ocupa un corpo no espazo porque a simple presenza dun observador que trate de apreixalo coa ollada provoca nel unha alteración, unha vibración case imperceptible que o impulsa a oscilar constantemente arredor do seu centro, coma se o corpo observado sentise a necesidade de fuxir. A partir de aquí a necesidade de fuxir así como a de volver ao lugar exacto de partida envolven a vida de Lía, unha profesora de instituto dunha vila mariñeira galega calquera.
En moi poucas páxinas a autora consegue dar conta dun feixe de relacións persoais moi potentes creadas todas arredor de Lía, a protagonista. Algunhas nacen da vontade de comunicación dos outros, como a que a relaciona coa súa alumna Viola ou coa súa parella Lois; e outras nacen simplemente do silencio, como lle acontece coa nai e coa filla.
A obra achéganos a unha situación que o profesorado vive decote mais da que non soe falarse porque é ese espazo de ninguén fóra da aula no que cohabitamos co alumnado. Un territorio que cada docente habita dun xeito singular e que oscila entre a indiferenza e/ou desprezo por un lado e a fraternidade/amizade polo outro. Un lugar de fronteiras difusas no que hai que elixir cada día entre cerrar os ollos para non ver e poder seguir o propio camiño ou abrilos e actuar porque algo chamado conciencia non che permite volver a cerralos. Pilar Ortega sitúanos aí onde os datos das estatísticas se transforman en caras coñecidas con nomes e apelidos e amósanos como non sempre os adultos somos os que guiamos e axudamos senón que en moitas ocasións aprendemos do e co noso alumnado.
Máis que dicir que se trata dunha novela sobre o maltrato, para sermos precisos deberiamos dicir que o texto fala da muller maltratada, xa que o papel do agresor nin sequera adquire consistencia de personaxe, non importa quen é nin o que fai, é simplemente un arquetipo necesario para explicar que o abuso sexual move a vida da muller atacada do centro da súa existencia, un punto ao que en ocasións nunca ha de ser quen de volver.
A novela móvese baixo a actuación de dúas forzas antagónicas de diferente intensidade: dunha banda, unha forza centrífuga que leva conducindo durante anos a vida de Lía na súa fuxida; e doutra, unha forza centrípeta, moito máis poderosa que a anterior, por iso a novela avanza, encarnada en dúas personaxes, Viola e Ada.
E esta novela é ademais son, o son do río, dos animais, da noite… e o son convértese en arte na música. Ortega lévanos aos compositores alemáns de finais do XVII e comezos do XVIII, e así as súas páxinas soan ao Canon en re maior de Pachelbel na liberación astronómica e á Suite para violonchelo nº1 de Bach que Viola interpreta unha e outra vez.
Estas páxinas constitúen un convite a nos achegar ao mundo científico, un creador de vocacións CTEM que ensina a poética do universo na física, nas matemáticas e na astroloxía, non por causalidade a autora viguesa escolleu como lema para o concurso o nome da famosa astrónoma Annie Jump Cannon. É imposible non desexar ser alumna de Lía e poder gozar das supernovas viaxando polas paredes ao compás da música que nos envolve nesa lección de humildade cósmica de existir tan só para chegar a ser parte do po dunha estreliña anana e branca.
Mentres non chegamos a ese punto, convídovos a gozar da lectura desta novela de Pilar Ortega que ten o mérito de conseguir dar conta da traxedia que supón o abuso sexual sen sequera rozar os tópicos do tema e deixando unha porta aberta á salvación.
ORTEGA, Pilar: Principio de incerteza. Edicións Xerais. Colec. Narrativa nº 426. Vigo. 2018. 95 páxinas.
*Este texto publicouse o xoves 19 de xullode 2018 nas páxinas do suplemento cultural Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo.