Corrupción nos 80

Arredor dunha “novela mulata”

PILAR PONTE

Malia a conxuntura económica, os concellos seguen a formar unha parte importante dos certames literarios galegos, neste caso é o consistorio barbanzán de Ribeira o que concede o VI Premio de Novela Curta ”Cidade Centenaria de Riveira”, unha obra escrita polo coruñés Antonio Tizón titulada Un home estraño. O xornalista e profesor de Aranga publicara con anterioridade un libro de relatos, In media res; un poemario, Ritmos, e unha novela, A antesala luminosa, editada tamén por Xerais en 2014.

A adscrición do texto a un ou outro xénero semella un tanto ambigua, de feito, ata o propio escritor fala dela como unha “novela mulata” en tanto que nela se produce unha mestura entre as convencións do xénero negro e as do xénero de indagación social en canto responde á vontade do autor de lles ensinar ás xeracións máis novas como era a Galicia anterior ao goberno autonómico e asemade a normalizar a visión da doenza mental como algo que debe ser diagnosticado e tratado lonxe de visións románticas.

A acción da obra desenvólvese na cidade da Coruña, no ano 1980, nos días de verán entre o 2 de xullo e o 29 de agosto. Atravesamos a novela nun tempo de transición en que a sociedade está marcada polo escurantismo que aínda pasea polas rúas da ditadura franquista e mais tamén por unha corrupción que case corenta anos despois pode sorprender aquelas lectoras e lectores que non vivimos como adultos esa etapa. Mais tamén é un ano ilusionante no que Xosé Luís Muruzábal creou na Coruña a primeira asociación de enfermos mentais de Galicia, se comezou a falar de trastorno bipolar e tamén se negociou o Estatuto de Autonomía de Galicia.

Aínda que moitas das personaxes son ficticias, Tizón non deixa tampouco de retratar personaxes que xa hoxe pertencen á historia da cidade herculina e de Galicia, como poden ser o alcalde Domingos Merino, o Secretario Xeral do Partido Galeguista, Avelino Pousa Antelo ou Manuel Fraga que daquela viña de fracasar nas eleccións de 1979.

A obra arranca co inspector Xosé Sánchez Pereiro, que xa aparecía na primeira entrega de Tizón, enfrontándose ao primeiro caso importante da súa carreira, o crime de Manuel Ferro Filgueira, arquitecto do Concello. Mentres, a xornalista Ledicia Muruzábal, despois de entrevistar o presidente do Partido Galeguista, Avelino Pousa Antelo, está a piques de atropelar un home estraño que se lle cruza no medio da calzada e que esperta a súa curiosidade. A partir de aí a progresión narrativa vai recaer nestas dúas personaxes ficticias mediante unha estrutura alterna de dous narradores que contribúe a alixeirar o ritmo narrativo. Temos un primeiro narrador, o inspector, presente nos capítulos impares, indicados por datas cronolóxicas concretas, cunha linguaxe máis directa e menos elaborada e unha segunda narradora máis literaria, a xornalista, nos capítulos pares con título sen indicación cronolóxica.

Trátase dunha novela curta mais conta cun Apéndice pouco máis longo que a propia historia, con máis de setenta páxinas. Entendemos que se trata dun cancioneiro do cantautor protagonista, David, editado pola xornalista e que serve para achegarnos máis ao coñecemento da personalidade dese home estraño e ao mesmo tempo amosar elementos básicos da canción protesta daquela altura como a paz, o consumismo, o progreso, as desigualdades…

Tardou Antonio Tizón en publicar a súa narrativa longa mais agora está nun momento creativo moi produtivo de forma que podemos adiantar que xa está a traballar en dúas novelas que formarían parte dunha tetraloxía de xénero negro xa comezada coa súa primeira novela. Agardamos as novas entregas do autor de Aranga.

TIZÓN, Antonio: Un home estraño. Edicións Xerais. Colec. Narrativa. Vigo. 2018. 207 páxinas.

*Este texto publicouse o xoves 14 de xuño de 2018 nas páxinas do suplemento cultural Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA