1 música x 2 cantares

Estamos no tempo das versións, os puristas renegan delas, outros celebrámolas. As versións tamén son normalizar, supoñen oportunidades creativas de divulgación e actualización da nosa literatura clásica e diso temos moita necesidade. Precisamos que as composicións das etapas afastadas no tempo sexan entendidas no seu contexto mais tamén reinterpretadas na sociedade galega actual, traídas á nosa realidade para falar tamén das nosas cousas. E desta volta veñen a pares. En dez días MJ Pérez e De vacas publican dous temas de Cantares Gallegos coa música do “Malamente“.

Non deixa de ter o seu aquel que século e medio despois dous textos de Rosalía de Castro, a nosa poeta nacional, sexan musicados coa versión da canción dunha cantante non galega de moda tamén chamada Rosalía. Quizais a fusión sexa tan boa porque ambas en tempos tan diferentes beben dos ritmos da canción popular. Xa Rubia Barcia falara disto:

Rosalía é o cume máximo da integración poética total do espirito e da carne, da alma e do corpo, do ceo e da terra, acadada polo pobo galego en toda unha riquísima gama de emocións. Dos 36 cantares que compoñen o seu primeiro libro, Cantares Gallegos, máis da metade inspiraronse na vox populi, ás veces sen articulación en palabras intelixibles, ritmos primarios dos alalás, ailelelos ou aturuxos, ou os sons onomatopeicos dos touporroutous, e aínda outros pola polirritmia acompasada das muiñeiras, ruadas e pandeiradas en mistura de canto e baile e, inda os máis deles, con palabras de claro significado articuladas harmonicamente e conservadas, repetidas ou creadas pola xente sen nome rexistrado, producto do mesmo pulso que movera antes ós moaxajeros e zejeleros do mundo islámico a izar como vela ó vento unha anónima canción ou un anónimo refrán. […] A métrica usada, verdadeira cáscara do seu poetizar, é un eco xa afastado procedente en boa parte dos himnos relixiosos cantados nos oficios e festividades de igrexas e mosteiros, como cumpridamente demostrou con grande precisión e exactitude o frade agostiño, Xosé Mouriño, uns anos antes da descoberta das jarchas, no seu notable estudio sobre poetas galegos medievais. (1)

(1) RUBIA BARCIA, Xosé (2012 [1986]). “as profundas raíces rosalianas (das jarchas ós cantares)”. En Actas do Congreso Internacional de estudios sobre Rosalía de Castro e o seu tempo (i). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega / Universidade de Santiago de Compostela, 179-184. Reedición en poesiagalega.org. Arquivo de poéticas contemporáneas na cultura.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA