Xustificación
Resulta inútil ter que explicar a estas alturas por que me gusta La casa de papel, mais para a xente incrédula, velaí van tan só 3 das múltiples razóns que podería dar:
- Tente atrapada diante da pantalla, sempre!
- As reviravoltas argumentais son intelixentes.
- O elenco é máis que destacable.
Se estas non vos valen, quizais vos anime tamén a vela saber que recibiu o premio Emmy 2018 á mellor serie de televisión ou que sexa a serie de fala non inglesa máis vista na historia de Netflix.
A terceira tempada
Coma moitos outros seguidores, agardaba con ansia a chegada desta terceira tempada, e non, non me defraudou nadiña, ao revés, quedei con máis ganas que na anterior, e xa era difícil.
Se a primeira parte duraba 9 episodios, e a segunda tan só 6, nesta terceira témonos que conformar con 8 que dan para moito. Aínda que a serie é orixinal de Antena 3, fago referencia aos capítulos segundo a distribución de Netflix que é onde a vin eu sempre.
Rematabamos a segunda tempada un ano despois do golpe na Fábrica Nacional de Moeda e Timbre de Madrid coa inspectora Raquel Murillo (que agora se vai chamar Lisboa) atopándose co Profesor en Palawan. Despois diso que quedaba? Foron felices e comeron perdices? Fin? Non podía ser, e menos despois do éxito mundial da tempada anterior.
É por iso que a captura de Río a mans da policía é o feito que provoca a nova trama argumental con atraco incluído.
Xa no primeiro capítulo, “Hemos vuelto”, lle dan a volta a todo e acaban o episodio montándoa ao grande, como lle gusta á banda (as escenas dos cepelíns entre os rañaceos de Madrid son espectaculares).
Vanse alterando varias liñas temporais, a principal no presente onde se produce o atraco ao Banco de España, e outras que serven para nos informar de como e por que chegamos ao presente ao mesmo tempo que permiten ir retardando a acción e xogan coa nosa adrenalina.
Como xa acontecera antes, a banda segue a xogar a ser a Marea Vermella contestataria que pon en xaque o poder como partisanos ao ritmo do himno antifascista de liberdade e resitencia “Bella Ciao”.
Nesta liña é especialmente interesante a trama de “Las cajas rojas” que arranca no capítulo 5 e continúa nos posteriores polo tratamento tan actual dos segredos de estado e da manipulación dos medios de comunicación por parte dos estamentos con poder que volveremos ver tamén no último capítulo.
Elas
Para min malia ser a banda mixta, é no terreo das mulleres onde atopamos as personaxes máis interesantes, especialmente Tokio e Nairobi.
Tokio (Úrsula Corberó), é a personaxe que máis me gusta, cada vez se converte nunha muller máis madura e complexa e a verdade é que lle come as papas a Río.
Nairobi (Alba Flores) segue a ser a deusa do “matriarcado”, é a que tira sempre para adiante, todo corazón, é unha mágoa que o seu amor non sexa correspondido.
A inspectora Raquel Murillo (Itziar Ituño) agora convertida en Lisboa, perde parte do protagonismo que tivera na primeira e segunda tempada pero aínda así consegue ganarlle a partida ao Profesor aínda que el crea o contrario.
Unha magnífica incorporación a da inspectora Alicia Sierra, interpretada por unha Najwa Nimri Urrutikoetxea que fai de mala coma ninguén e a quen xa coñecía polo papel da malísima Zulema en Vis a vis.
Por último temos á secretaria Mónica Gaztambide (Esther Acebo) agora convertida en Estocolmo, unha personaxe bastante de recheo na trama, esperemos que lle dean a oportunidade de brillar na seguinte entrega.
Eles
Grazas a unha das liñas temporais non perdemos a Berlín (o noso querido Pedro Alonso, para nós antes Padre Casares) que, malia xa estar morto, segue a nos dar moitas sorpresas e algúns dos mellores e máis sentidos momentos.
Palermo (Rodrigo de la Serna) foi unha moi boa sorpresa, agora o xefe da banda dentro do edificio, un tipo duro, que vive e se agacha tras unha falsa aparencia de estar por riba do ben e do mal e que protagoniza algunhas das mellores escenas da tempada. O papel era difícil pois tiña o listón moi alto ao ter que substituír a Berlín ao mando das operacións no atraco. Supoño que esta personaxe aínda pode dar moito de si.
O Profesor (Álvaro Morte) sempre fora a personaxe principal mais agora eslúese a favor dun protagonismo máis coral que mellora a serie.
Malia que a situación na cadea de Río (Miguel Herrán) provoca toda a trama a verdade é que a min foi a personaxe que me resultou máis insulsa, con todo ten momentos moi bos e un deles ha de quedar como símbolo do poder social da banda (pero non podo contar máis).
O coronel Tamayo (Fernando Cayo) faino moi ben de malo contrariado ansioso por vencer os malos.
Helsinqui (Darko Peric) segue a ser a personaxe máis tenra do grupo e boto de menos que teña maior protagonismo.
Segue canda nós o odioso Arturito Román (Enrique Arce) que ten unha intervención marabillosa ao comezo do primeiro capítulo.
Denver (Jaime Lorente), segue a ser un dos meus favoritos e nesta edición, convertido xa en pai de familia, amosa ter medrado e ser xa outra persoa que aquel raparigo que se meteu a traballar canda seu pai.
Por último gustaríame falar de Bogotá (Hovik Keuchkerian), un novo membro da banda que, aínda que aparece moi pouco, é unha personaxe potente que espero que medre de agora en diante.
Recomendada queda esta Parte 3 de La casa de papel e, se aínda non te convencín, déixoche o tráiler e a rolda de prensa da presentación.