Árbore de Nadal.

2T. Tarefa 1. – Árbore de Nadal (descrición obxectiva)

Formato: texto escrito á man en folio en branco.

Forma de entrega: PDF na aula virtual e na clase o folio co texto á man.

Prazo de entrega: xoves 20 (PDF na AV), venres 21 (folio na clase).

_______

Despois do que falamos na clase, vas facer unha descrición dunha árbore de Nadal, non ten por que ser a túa árbore de Nadal, pode ser inventada, ou se o prefires podes describir a árbore de Nadal da fotografía. Relizarémola á man nun folio en branco.

Recorda seguir os seguintes pasos:

1. Observamos detalladamente o que imos describir, fixándonos nos diferentes aspectos que presenta (tamaño, partes, materiais, formas, cores…).

2. Pensamos nas palabras imprescindibles para esa descrición e miramos se as coñecemos no dicionaro da lingua. Tamén pode ser que non a saibamos en galego e si en castelán, nese caso imos ao dicionario castelán-galego e procurámolas antes de comezar a escribir.

3. Escribimos un parágrafo de introdución que sirva para indicar o obxectivo da nosa descrición.

4. Para a descrición seguiremos unha orde determinada: podemos comezar facendo unha panorámica xeral do que describimos e a continuación imos describindo cada unha das súas partes ou podemos describir seguindo a ollada de arriba a abaixo ou de abaixo a arriba. Esa ordenación dependerá do obxecto descrito e do noso criterio persoal, mais os datos deberán estar sempre ordenados, non se pode dar a impresión de saltar dunha parte a outra sen seguir ningunha orde. Lembra que a túa descrición ten que ser detallada, fíxate ben en todos os elementos.

5. Para garantir a boa cohesión das palabras do teu texto, non esquezas utilizar conectores textuais. Vas precisar:

5.1. Os que serven para organizar a información do discurso. Podemos usalos:

– Para comezar: en primeiro lugar, en principio, antes de nada…

– Para continuar: en segundo lugar, por outra parte, por unha banda, deseguido…

– Para finalizar: por último, para concluír, en conclusión, en resumo, finalmente…

5.2. Os que serven para establecer relacións espaciais entre os diferentes elementos: á esquerda, por riba, abaixo, arriba, ao fondo, diante, detrás, en fronte, a carón de…

6. Unha vez rematamos de escribir, lemos o noso texto para ver se esquecemos algo ou podemos mellorar algo.

7. Para finalizar a nosa revisión, lemos o noso texto pero agora en voz alta para comprobar se utilizamos correctamente os signos de puntuación (coma, punto, dous puntos…).

8. Por último co móbil ou unha impresora escaneamos a nosa descrición e entregamos o PDF na Aula Virtual da materia.

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA