Neste titorial vas aprender como elaborar un xogo de Pasapalabra en Genmagic.

Nesta páxina podes atopar xogos deste tipo en galego coma este.

Preme na imaxe para ir ao xogo.

Nesta imaxe podes ver algúns dos que xa están na páxina.

Aquí podes ver todos os pasapalabras en galego que teñen na súa páxina e de diferentes materias. Podes probar un deles para ver como se xoga, pero de momento só un!

Antes de inventar o teu Genmagic imos crear o documento de texto do teu PasaGalego ou Pasapalabra, como lle queiras chamar.

O noso obxectivo é que, entre toda a clase, imos facer PasaGalegos coas seguintes temáticas relacionadas coa casa:

A cociña

O baño

A sala e o comedor

A mesa

O dormitorio

A moblaxe

Partes e elementos da casa

Para organizarvos dividídevos en grupos de tres persoas por orde alfabética, compartide un documento de Drive e ide escribindo nel as definicións do voso PasaGalego.

Regras:

  • Poñédelle título.
  • Respectade o alfabeto galego.
  • Tedes que procurar que no voso PasaGalego haxa o máximo número posible de palabras que sexan diferentes en galego e castelán para deste xeito enriquecer o voso vocabulario.
  • Non esquezades que o máis fácil para quen xoga despois é que a palabra comece pola letra que toca, pero ás veces non pode ser e daquela solucionamos escollendo unha palabra que conteña a letra.
  • Poñer Comeza co + letra ou Contén o + letra antes das definicións.
  • As definicións teñen que ser feitas por vós.
  • Tedes sempre que comprobar que elixistes o vocabulario correcto, para iso podedes utilizar estas dúas páxinas, o Portal das Palabras e o Rinodicionario castelán-galego. Aproveita e gárdaas na barra de marcadores do teu navegador para telas sempre á man.
  • Pasade o voso texto polo Ortogal para realizar unha correción ortográfica.
  • Compartide o voso documento con aprofaclase@gmail.com con permiso de edición (permitir editar) e de momento xa estaría.
  • Se vos dá tempo, inventade outro novo PasaGalego, desta volta que inclúa palabras aprendidas no primeiro trimestre.

FASE 2

Agora que xa estamos listos, imos enviar a nosa creación a Genmagic.

Lembra:

  1. Respectar o alfabeto galego.
  2. Elaborar o contido textual previamente nun documento de texto.
  3. Poñer Comeza co + letra ou Contén o + letra antes da definición.
  4. Pasarlle o corrector ao texto que vaias inserir antes de comezar co proceso de elaboración dixital en Genmagic.
  5. Buscar unha imaxe libre de dereitos que estea colgada na rede. Copiar o enderezo da imaxe, non da páxina na que aparece.
  6. Enviar o arquivo descargado por correo a genmagic@gmail.com

SEN COMENTARIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA