
As formas dos numerais cardinais son as seguintes:
- cero
- un/unha
- dous/dúas
- tres
- catro
- cinco
- seis
- sete
- oito
- nove
- dez
- once
- doce
- trece
- catorce
- quince
- dezaseis
- dezasete
- dezaoito
- dezanove
- vinte
- vinte e un / vinte e unha
- vinte e dous / vinte e dúas etc.
- trinta
- trinta e un, trinta e unha etc.
- corenta
- cincuenta
- sesenta
- setenta
- oitenta
- noventa
- cen
- cento un, cento unha etc.
- douscentos / duascentas
- trescentos / trescentas
- catrocentos / catrocentas
- cincocentos / cincocentas, quiñentos/-as
- seiscentos / seiscentas
- setecentos / setecentas
- oitocentos / oitocentas
- novecentos / novecentas
- mil
Cento, millón, billón, trillón, aínda que expresan número, funcionan como substantivos, igual que ducia, decena, centena.
Os numerais un, unha, cando son adxectivos, contraen con de, en e con, da mesma maneira ca os artigos indeterminados. Pola contra, cando son pronominais, normalmente contraen coas preposicións en e de, pero non coa preposición con, da mesma maneira ca o indefinido un(s), unha(s): equivocouse nunha ou en dúas respostas; con unha xa me abonda.
As formas dos numerais multiplicativos son:
- dobre; duplo, dupla
- triplo, tripla
- cuádruplo, cuádrupla
- quíntuplo, quíntupla
- séxtuplo, séxtupla
- séptuplo, séptupla
- óctuplo, óctupla
- nónuplo, nónupla
- décuplo, décupla
- céntuplo, céntupla
- Os restantes fórmanse mediante o cardinal correspondente seguido da palabra “veces”.
As formas dos numerais partitivos son:
- medio, -a
- terzo, -a
- cuarto, -a
- quinto, -a
- sexto, -a
- sétimo, -a
- oitavo, -a
- noveno, -a
- décimo, -a
- onceavo, -a
- doceavo, -a
- centésimo, -a
- milésimo, -a
- millonésimo, -a
- A partir de 1/11 (e exceptuados 1/100, 1/1000,1/1.000.000) o partitivo faise engadíndolle ao cardinal o sufixo -avo: (1/16) un dezaseisavo, (2/29) dous vinte e noveavos, (7/345) sete trescentos corenta e cincoavos.










